A Fundación Luis Seoane inaugura hoxe a mostra «Xaquín Marín, humor líquido galego»

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

JOSE PARDO

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A sede da Fundación Luis Seoane acolle esta tarde, ás 19.00 horas, a inauguración da exposición Xaquín Marín, humor líquido galego, un proxecto no que a federación de asociacións Galiza Cultura —que reúne máis dunha trintena de colectivos culturais— leva traballando desde o 2022. Trátase dunha coidada selección de pezas que abrangue os máis de sesenta anos de profesión do humorista gráfico, pintor, muralista, caricaturista e artista nado en Ferrol en 1943.

O propio Xaquín Marín participará na presentación da mostra, introducida por Silvia Longueira, en representación da fundación, e por Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura. A escolma de imaxes —composta por ao redor de 150 ilustracións e cadros— debuxa un percorrido profesional e vital que nos traslada directamente á historia colectiva recente do país e amosa o compromiso inequívoco do creador co pobo galego ao longo destas décadas.

Despois das intervencións iniciais, está prevista unha visita guiada na que Marín irá introducindo os asistentes no seu universo creativo, facendo parada naquelas pezas cun maior significado e simbolismo, alén de achegar a personaxes como Gaspariño, o Pé, Isolino, o cacique don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou o Xinete, tan característicos e definitorios e que durante toda a súa carreira tiveron gran protagonismo no labor descritivo das problemáticas sociais.

A exposición, ademais dunha homenaxe a unha carreira, quere poñer de relevo a súa gran valentía ao converterse, cos seus debuxos, nun altofalante gráfico desas denuncias e realidades sociais que no tempo de actividade foron amosadas a través dos seus traballos: a situación da lingua, a reconversión naval, a explotación laboral, as loitas ecolóxicas, o caciquismo, etcétera. E retratadas desde a retranca, o humor e a ironía, mais sempre con total clareza.

A inauguración marca o comezo da itinerancia do proxecto, que, tras o seu remate na Coruña, viaxará a outras cidades ao longo deste ano, como Lugo (Antigo Cárcere) e Santiago (Auditorio de Galicia), chegando ata o 2025, onde xa se está a programar noutras localidades.