O Arousa xógase a tranquilidade no treito final da Liga ante un Somozas que ve perigar a categoría

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Os de Luisito Míguez deben gañar esta tarde para non seguir mirando de reollo o sexto clasificado nas dúas derradeiras xornadas do campionato

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cinco puntos que o Arousa se deixou nas dúas últimas xornadas de Liga obrígano esta tarde a amarrar o triunfo na súa visita a un Somozas só superado polo Rápido de Bouzas coma gran sorpresa negativa do grupo galego da Tercera R.F.E.F. 2023/24. O anfitrión, chamado a estar pelexando a estas alturas do curso co Arousa por un título de Liga para o que o Bergantiños non atopou rival, mira hoxe con preocupación cara aos postos de descenso. O cadro arlequinado, polo seu lado, ve a Sarriana, sexta na táboa, 4 puntos máis o do diferencial particular por debaixo cando, contando os de hoxe, son 9 os que quedan inda por disputar.

A partir das seis, no Alcalde Manuel Candocia, o Arousa tratará de espremer a maior ansiedade que se lle presupón a un equipo que lonxe de optar sequera a ir xogar a fase de ascenso, non pensa en desbancar nin ao Atlético Arteixo nin á Sarriana, quinto e sexto con 47 puntos, senón nos 3 escasos puntos que, inda undécimo, o separan do Betanzos e do Rápido de Bouzas, cuarto e terceiro pola cola da clasificación con 36 puntos.

«Vai ser un partido difícil para os dous. Eles, sorprendentemente, están nunha situación delicada, cando todo o mundo pensabamos que ían pelexar polo ascenso», sinalaba na véspera do choque o adestrador do cadro vilagarcián. Dito isto, Luisito Míguez afirma que «nós imos coas orellas tesas», conscientes no Arousa que toca amarrar a terceira praza, que hoxe ocupa con 51 puntos, polos 48 dunha U.D. Ourense que recibe o Pontevedra B, xa equipo de Preferente, e os 47 do Atlético Arteixo e da Sarriana, que se enfrontan entre si no campo do primeiro.

Sen Iñaki Leonardo

O Arousa viaxa con todos os seus efectivos dispoñibles agás Iñaki Leonardo, que se perderá o partido de hoxe por unha escordadura de nocello o pasado domingo fronte ao Alondras.

Luisito advirte de que, pese á súa delicada situación, o Somozas segue a ser ese equipo cun cadro de xogadores de alto nivel que o sinalaban como opción a ter en conta de cara ao ascenso directo, sobre todo do medio do campo cara arriba. Os seus números, que tras un grande inicio de campaña caen en picado a partir da xornada once, con dez derrotas e tan só tres vitorias nos seus últimos 21 encontros, melloran notablemente como local. No céspede do Alcalde Manuel Candocia, o Somozas asinou seis dos seus dez triunfos, por tan só catro das súas doce derrotas no que vai de campionato.