A primavera dos devoradores de libros arrinca en Ferrol: «A nosa gran paixón»

Patricia Hermida Torrente
patricia hermida FERROL / LA VOZ

CULTURA

Sara, Uxía, Javier, Marta, Laura, Raquel e Gabriel, na Feira do Libro de Ferrol.
Sara, Uxía, Javier, Marta, Laura, Raquel e Gabriel, na Feira do Libro de Ferrol. César Toimil

A rolda das trece feiras galegas iníciase na cidade naval con trinta eventos

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis ca amor, frenesí polos libros en Ferrol. Onde os grupos de amigos quedan na alameda do Cantón para mergullarse entre cómics, novelas de detectives privados, relatos fantásticos e historias de terror antes de enfrontar a tarde de terraceo. A primavera das letras arrincou este venres na cidade naval, na primeira das 13 feiras do libro que se celebran en Galicia este ano. Con 30 actividades programadas, que inclúen dende presentacións de novidades ata propostas infantís, participantes ao longo destes tres días aseguran: «Os libros son a nosa gran paixón».

Neste argumento coincidían sete alumnos da Universidade da Coruña (cinco rapazas e dous rapaces), que se citaron xusto ao mediodía para a ocasión inaugural. Todos compraron libros que despois intercambiarán entre eles. Sara Santorum elixiu Amigo (Ana Marino) «recomendado polo señor do posto; a todos nos encanta ler e nos resulta un plan interesante vir á feira», corrobora. Uxía Padín leva Vuelve a amar tu caos y el roce de vivir (Alberto Espinosa), «recomendado por unha amiga; amamos curiosear entre libros», incide na mesma idea. A Marta Domínguez chamoulle a atención El camino del libertario (Javier Milei), «porque —di— estou moi interesada na xeopolítica e quero andar posta na actualidade». Javier Martínez mercou A traizón (Amalie Skram), que lle «resulta moi interesante polo ambiente naval; aquí —argúe— veño buscar novidades».

A escritora Paula Merlán, pregoeira da feira.
A escritora Paula Merlán, pregoeira da feira. César Toimil

Laura Herce comprou un libro dunha nova edición que sacan cada quince días; «encántame ler e intercambiar con amigos», explica. A madrileña Raquel Vázquez chegou á feira, «avisada polos compañeiros do Campus de Ferrol, para levar A trenza (Laetitia Colombani), e así ler en galego por primeira vez», confesa. E Gabriel Vieites achegouse, «aconsellado polos compañeiros de piso, para coller a edición de Black Water. La riada».

Nos misterios das páxinas

Entre os numerosos afeccionados asomou o novo conselleiro de Cultura, José López, que destacou «a prioridade especial que a Xunta lle dá á lectura, como vía de expansión da identidade». Do pregón encargouse a escritora Paula Merlán, que recordou con emoción os familiares que a iniciaron nos misterios dos libros: «Que importante é para os nenos ter uns referentes, unha fonte de inspiración para atopar a nosa propia historia». A autora tamén retomou a reflexión dun dos seus profesores: «Cando rematamos de ler un libro, non somos os mesmos que cando empezamos, porque a lectura nos vai transformando por dentro». Para Merlán, «non hai nada coma o contacto directo entre autor e lector, non só porque te pidan un autógrafo, senón polas conversas. Cando son nenos, mesmo te inspiran porque eles achegan ideas, e queren escoitar contos de forma reiterativa».

E entre os clásicos da Feira do Libro de Ferrol, figura a caseta de Metrópolis Cómics con Manuel Rodríguez á fronte: «Veño a esta cidade desde hai case vinte anos, a todas as edicións, quero ver tanto clientes habituais como novos». Nunha historia interminable que salta de libro en libro.

Obras de Xulia Pisón, Paco Roca, Maggie O'Farrell, Anna Kadabra e Guillermo Llorca

Nunha fantasía de novelas, poemarios, ensaios e banda deseñada poden navegar os visitantes desta Feira do Libro de Ferrol que se clausura mañá domingo. Desde Metrópolis Cómics, Manuel Rodríguez destaca como novidade para público infantil e xuvenil Microalgas: máis alá da terra, de Xulia Pisón, «que fala de ecoloxía con temas que a todos lles interesan». Outra obra «indispensable» pasa por El abismo del olvido, de Paco Roca, e a súa reflexión sobre as fosas comúns do franquismo levada á viñeta. Tamén é un éxito Hierba, de Keum Suk Gendry Kim.

Manuel Rodríguez, na caseta de Metrópolis.
Manuel Rodríguez, na caseta de Metrópolis. César Toimil

Desde o posto da Central Librera da rúa Real, David Justo recomenda: «Para adultos, Cuando estalló la noche, de Guillermo Llorca, que me emocionou moito e foi moi especial para min; e, en infantil, Anna Kadabra ou Marcus Pocus, por afinidade coas miñas fillas». No da Libraría Estraviz, Alberto Pena aconsella «para infantil A música das buguinas, da escola de Bellón Maceiras, que está xenial para peques, e para maiores. Unha lectura obrigatoria é A distancia que nos separa de Maggie O'Farrell». Pola feira tamén andaba firmando exemplares o escritor Juan Galán con Las tribulaciones de Bruno Lamas: «Agora estou rematando de escribir un libro que mestura a biografía dun soldado republicano da Pobra do Caramiñal co ensaio do exilio en Francia, que levará o nome de Rot Spanier (porque así chamaban os nazis aos roxos españois)».

As vindeiras feiras do libro serán as de Santiago (27 abril-5 maio), O Porriño (9-12 maio) e Lugo (13-17 maio). E despois continuarán Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte.