Do pozo dos donceis á fraga máxica

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

Ao seu paso por San Sadurniño, o río Xuvia garda lendas de pozos sen fondo, donceis e fadas, pegadas dunha fraga con 25.000 carballos e a figura da deusa Navia. Todo arredor do pazo da marquesa e o convento

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«A fraga máxica, o pozo dos donceis, o pazo da marquesa, o convento do Rosario [século XVI] e de paso dar unha pincelada do Chanfaina Lab e da curta... Moitas historias». É a mensaxe de Vitucho [Víctor Rico] para resumir o que dá de si un paseo pola beira do río Grande de Xuvia ao seu paso por San Sadurniño. Rico é un dos participantes na curta sobre a lenda do pozo dos donceis feita para o Chanfaina Lab. Esta é a oitava edición do certame, premiado pola Academia Galega do Audiovisual e no que profesionais e afeccionados amosan a súa ollada sobre este concello.

A andaina pola beira do Xuvia pode arrincar nos xardíns do pazo, cruzar varias pontes sobre o río, percorrer a finca A Cortiña e rematar na sorprendente fraga máxica. Nunha reviravolta do río está o pozo dos donceis. Conta a lenda recollida polo escritor Xosé Leyra Domínguez (Ferrol, 1912-1997) que nas noites de lúa saía da auga unha fada invitando a entrar no seu castelo para atopar a felicidade. Un doncel que estudaba no convento foi unha noite, co permiso do prior e acompañado dos monxes, mergullarse naquel pozo sen fondo. Ao pouco saíu xubiloso cunha campá de ouro na man. Volveu a mergullarse e «ninguén o viu saír de novo; somentes ao cabo de tres días viron flotando no río unha man ensanguentada que todos coñeceron ser a man dereita do arriscado rapaz», conta o guión da curta feita polo colectivo A Rigueira, da Coruña, e na que o papel de prior está interpretado polo exalcalde de Narón Xoán Gato. Remata a lenda dando conta de que parte daquel ouro fundiuse co bronce da campá da igrexa que aínda hoxe, entre lusco e fusco, chora cando o sol «se deita mainiño tras do val de Pedroso». Ao carón do pozo dos donceis estivo no seu día unha pérgola na que a marquesa do pazo, Natividad Quindós, agasallaba aos seus invitados, despois dun paseo por unha fraga que tiña 25.000 carballos. A historiadora Margarita Yáñez aportou á páxina falamedesansadurnino.org un libriño co plano da fraga que recibían os invitados e que recolle as 28 rúas das súas cen hectáreas. Entre os nomes estaban Roxiña, Veiga, Cancela, Das Meigas ou Montería e tiña explicacións como que a rúa do Raposo «arranca de la plazoleta de los Gamos y sigue hacia la de Narahío, paralela a la del Zorro. A la conclusión tiene mala salida». A fraga foi talada, enteira, a mediados do século pasado.

MARCOS MÍGUEZ

Onde estivo a pérgola, está agora Navia, deusa precristiá que investigadores como o antropólogo Rafael Quintiá asocian ao culto a Santa Mariña. A figura de Navia aparece mirando ao solpor e aos seus pés ten a proa dunha barca con varias caveiras, as ánimas viaxando cara o Alén. Está feita en granito e toelo [a verdosa rocha chamada tamén pedra de Moeche] polo escultor Carlos García Romero.

Este artista, xunto con Marina Goti, é tamén autor das figuras que poboan a fraga máxica: dragóns, elfos, gnomos e outros animais de fábula pensados para a ledicia dos pequenos. Ao seu carón está o arboreto, espazo con árbores dos «sete tipos de bosques autóctonos propios de Galicia», explica o xeógrafo Ignacio Fernández. Todo isto no val no que o poeta Gabriel y Galán escribiu, no verán de 1889, o poema Fuente Vaquera, no que promete non cazar máis pombiñas. Foi nunha estancia en San Sadurniño na que visitou, a cabalo, os castelos de Naraío e Moeche.