Estas son as 50 empresas e entidades que fan das Rías Baixas o destino con máis distincións de calidade turística SICTED de España

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

LETICIA CASTRO

Arousa sumou outras catro na última Gala Provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra

05 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Co cambio de século, a Secretaría de Estado de Turismo deu un paso adiante máis na aposta por un sector no que a calidade consolidase e potenciase o volume dunha actividade esencial para a economía de España. Da man da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), creou o Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos (SICTED). Un proxecto de mellora continua co obxectivo de crear unha estrutura permanente de xestión e de impulso da calidade nun determinado destino, aplicando unha serie de estándares básicos comúns a todas as empresas e servizos turísticos dispostos a remar cara a excelencia. Dúas décadas despois, a provincia de Pontevedra conta con media ducia de destinos definidos e con preto de 400 empresas, entidades e prestadoras de servizos dos diferentes subsectores dedicados ao turismo recoñecidas co selo SICTED.

O destino Provincia de Pontevedra-Rías Baixas, do que a Deputación é o seu organismo reitor, é o destino con máis distincións SICTED concedidas de España. Concretamente, 50, logo da entrega este ano co gallo da Gala Provincial de Turismo de cadanseu recoñecemento a Viajes Turísticos Silest, empresa de transporte turístico de Vilagarcía de Arousa, ao Hotel Hermida 5.000 de Vilanova de Arousa, á firma de turismo activo Amare Turismo Náutico da Illa de Arousa e ao comercio Regalos A Fonte do Grove. Outras 46 empresas e entidades da comarca de Arousa viron renovado o distintivo.

Por concellos, é O Grove o que conta con maior número de establecementos recoñecidos co selo SICTED, trece, con Cambados xusto por detrás, con dez. Seis teñen Vilagarcía e Vilanova, cinco Meaño, catro A Illa, tres Meis, dous Ribadumia e un Valga.

Por subsectores, a hospedaxe concentra case a metade dos distintivos: quince no capítulo de hoteis e apartamentos turísticos, cinco no de cámpings e áreas de autocaravanas e tres no de aloxamentos rurais. Sénguenlles as adegas, con nove, nunha listaxe que completan tres firmas de turismo activo, outros tantos centros de interese turístico visitable, dous puntos de información turística, dous museos e dúas firmas de transporte turístico e, cun selo SICTED, una empresa de turismo industrial e outra de turismo medio ambiental, unha axencia de viaxes, un porto deportivo, un comercio e un local de xestión cultural.

A Deputación anima a todos os axentes económicos e de dinamización turística de Arousa a solicitar o SICTED, dentro da súa firme aposta polo sector, a cuxo pulo destina este ano 5,6 millóns de euros, un 2 % máis ca no 2023.

LETICIA CASTRO

Regalos A Fonte

«Para nós é un orgullo, un recoñecemento ao noso traballo» 

Que O Grove sexa hoxe unha das vilas turísticas de referencia de Galicia é en parte culpa do arranque de mulleres coma Carmen Domínguez. Propietaria dunha tenda de agasallos e de recordos na illa da Toxa, a meca apostou a comezos dos 90 por abrir un negocio espello na zona de Beiramar do Grove, Regalos A Fonte, o primeiro deste tipo na fachada marítima da vila mariñeira. «Tocamos un pouquiño de todo, non só artigos de recordo, tamén complementos, desde xoias a téxtil. Unha irmá miña fai artesanía con cunchas, que tamén vendemos na tenda», conta Carmen Fontoira Domínguez, unha das fillas da fundadora do negocio e hoxe copropietaria.

Unha reunión no Grove promovida polos xestores do SICTED animou a xente de Regalos A Fonte a solicitar o selo. Hoxe é o primeiro comercio da comarca en telo. «Pensabamos que era unha forma de recoñecer o noso traballo e dálle un certo prestixio ao local. Para nós é un orgullo».

MONICA IRAGO

Viajes Turísticos Silest

«Os turistas ven un selo de calidade e iso dálles unha confianza a maiores» 

Seguramente, por Viajes Turísticos Silest poucos, por non dicir ninguén máis aló de quen traballa alí, saiba de que empresa se trata. Pero se cambiamos o nome societario polo de tren turístico de Vilagarcía, a cousa cambia. E é que xa son dúas décadas longas as que a liña de ferrocarril sobre rodas leva circulando polas rúas da capital arousá, importando un modelo de éxito doutras localidades turísticas que permite facer un primeiro achegamento aos seus principais lugares de interese e patrimonio en cuestión de menos dunha hora. Un sistema idóneo para aqueles que non teñen moito tempo para pasar na vila ou persoas con mobilidade reducida. 

Paula Fernández leva máis dunha década conducindo o tren turístico de Vilagarcía e ofrecendo o servizo de guía que se paga co billete que dá dereito a viaxar nel. «Está moi ben ter o SICTED, porque os turistas vén un selo de calidade e iso dálles unha confianza a maiores», di.

Martina Miser

Hotel Hermida 5.000

«Lo que piden son cosas que debe tener toda empresa hotelera» 

Antes de ser hotel, o Hermida 5.000 naceu hai algo máis de 40 anos como unha sala de festas. Lucía e Rocío Hermida, as irmás que hai tempo asumiron a xerencia do negocio fundado e impulsado polos seus pais, herdaron xa o establecemento hoteleiro que arrincou cunha ampliación daquela sala de festas, dándolle unha primeira planta para dotala dunha decena de habitacións. En cuestións duns dez anos, o negocio completou a súa mutación nun local de dúas estrelas superior de 84 habitacións incompatible co balbordo dun negocio de copas e baile.

«La Diputación nos informó de un curso sobre el SICTED y que el sello de calidad era bueno para los negocios turísticos», conta Rocío Hermida. E apostaron por solicitalo. «No fue complicado conseguirlo. Piden una serie de cosas que nosotros ya teníamos, cosas que realmente debe tener toda empresa hotelera, por eso no entiendo por qué no lo pide todo el mundo», sinala a copropietaria do hotel.

Martina Miser

Amare Turismo Náutico

«O SICTED vai na liña da nosa filosofía de divulgar o noso de forma sostible» 

Dez anos leva traballando a xente de Amare Turismo Náutico o turismo activo na banda sur da ría de Arousa. «Organizamos rutas e actividades náuticas, traballamos co Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Variante Espiritual do Camiño Portugués, navegando entre Vilanova de Arousa e Pontecesures», explica Cristina Viñas, propietaria da empresa. Con sede social na Illa de Arousa pero sen oficina física, tirando de páxina web e de aplicación propia e movéndose polos portos de Cambados, de Vilanova e da Illa para ofertar os seus servizos, Amare Turismo Náutico contaba xa con certificados de calidade como a Carta Europea de Turismo Sostible ou o Galicia Destino Sostible.

O selo SICTED, di Cristina Viñas, supón para a súa firma: «Un recoñecemento máis ao traballo que xa viñamos facendo, en liña á nosa filosofía de divulgación da nosa contorna, da nosa cultura e da nosa maneira de ser e de facer de forma sostible e respectuosa co medio ambiente».