No ano 1973 a editorial Celta, de Lugo, publicou un libriño de 54 páxinas co título Declaración dos Dereitos do Neno e outras cousas nosas. Era a primeira vez que se publicaba en galego a Declaración dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1959, ou sexa, catorce anos antes. Os autores da publicación luguesa foron, tal como reza a cuberta do pequeno volume, os alumnos de 4.º curso do Instituto Masculino de Lugo, alumnos meus nese ano, entre eles o meu fillo Xesús (Cuchus Pimentel). No título, o de «e outras cousas nosas» facía referencia a textos en idioma galego protagonizados por nenos (refráns, cancioneiro popular, contos breves de autores importantes, relatos da tradición oral e poemas, entre eles ¡Ai!..., de Curros Enríquez, e Xogo ruín, de Luís Pimentel). Coordinou o traballo literario o propio profesor e fixo o debuxo da cuberta o alumno Xoán L. do Rego Santín.
Releo, non sen emoción, 51 anos despois, estas páxinas, e reparo, sobre todo, nas dúas do apéndice, nas que os alumnos do grupo D de terceiro curso respondían á pregunta: «¿Qué dereitos, ó teu xuicio, debe ter o neno?». Das dezaseis respostas, hoxe eu escollería estas seis: «Dereito de opinión no seo da familia» (V. Gallego Vincent), «Dereito a que non dean mellor trato ós fillos dos importantes que ós fillos dos probes» (R. López Mosquera), «Dereito a termos un representante nas Cortes españolas» (L. Pedrosa Fraga), «Dereito a que non nos enganen con certas cousas, por exemplo, co dos Reis Magos» (M. Porta Lamazares), «Dereito a un fogar e ó agarimo» (L. Prieto Díaz) e «Dereito a que non nos castiguen nin nos maltraten cando fagamos mal unha cousa, e si a que nos ensinen» (L. Pedrosa Fraga).
Na elaboración deste corpus de textos xurídicos e literarios estivo moi presente a man do alumno Celso Matalobos Cerceda, anos despois excelente profesor de Galego no mesmo instituto. El foi quen, con moito xeito, organizou a exposición bibliográfica no Instituto e xestionou para o 19 de abril o acto académico de homenaxe ao coordinador do insólito libriño de 1973.