«Parece pola tele que só hai homosexuais en Madrid e Barcelona cando en Galicia tamén somos moitos»

Lucía Rey
lucía rey MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Xaime Ramallal

O pintor mariñán Mauro Leivas (Mondoñedo, 1955) defende a empatía e o respecto á diversidade e afirma que «o tempo demostrou que os políticos máis represores cos homosexuais eran gais»

03 may 2024 . Actualizado a las 14:44 h.

Conta Mauro Leivas (Mondoñedo, 1955) que, en moitas ocasións, se unicamente se atende ó que sae na televisión, parece que «só hai homosexuais en Madrid e en Barcelona». «Cando en Galicia tamén somos moitos», sorrí. El fala abertamente e con naturalidade da súa condición sexual, e considérase afortunado porque sempre a viviu desta maneira. Mesmo durante a xuventude, que coincidiu co treito final da ditadura, a finais dos sesenta e na primeira metade dos anos setenta. «Sempre o tiven moi claro, sempre fun moi descarado, moi lercha... Non me cortei nunca. Practiquei sexo heterosexual tamén e mesmo cunha amiga tivemos un aborto porque non nos sentiamos capaces de enfrontar un embarazo, pero sempre souben o que sentía», conta un home cuxa obra pictórica é símbolo desa liberdade que defende a ultranza.

«Seguimos atascados en pensamentos que se desenvolveron na revolución neolítica, hai miles de anos, coa especialización laboral, a especialización sexual... Pensamos que somos os donos do planeta, das persoas... Damos voltas nun círculo coercitivo nun xogo perverso no que nos están intoxicando a saúde mental», reflexiona, e explica como a homosexualidade non é algo novo. «Desde neno recordo en Mondoñedo a dúas parellas homosexuais convivindo. Unha de mulleres e unha de homes. Cando eu preguntaba, dábanme respostas que non me convencían, pero ó ir pasando os anos entendín o que pasaba», expón, e sinala que era outra época na que unha morea de persoas que se sentían atraídas por persoas do seu mesmo sexo o pasaron mal debido á represión ou á falta de empatía do entorno. Pero en moitos casos acababan buscando solucións que lles permiten dar renda solta ás emocións e ós instintos. «Sempre houbo sitios nos que os gais iamos ligar, ata durante o franquismo», di Leivas.

O Cine Carretas, en Madrid

Nese sentido, recorda que el comezou a moverse a cotío por Madrid a principios dos anos setenta. Naquela época, di, xa había lugares onde se facía «cruising», unha práctica que consiste en ter encontros sexuais esporádicos en lugares públicos de forma anónima. «Recórdome, por exemplo, do cine Carretas nos anos 72, 73... Estaba cerca da Porta do Sol, xusto detrás da Dirección General de Seguridad, que estaba no edificio onde está hoxe a Comunidade de Madrid. A policía da DGS tiña que saber desde sempre que alí iamos a ligar. Ou no parque xardín que había diante do Ministerio de Agricultura, que sempre estaba vixiado. Ou o que pasaba naqueles tempos na Castellana, en todas aquelas terrazas cool nas que estaba de moda ‘el Madrid progre de Tierno Galván’», sostén.

 «Sempre fun moi descarado e, por sorte, non teño experiencias traumáticas. Só unha en Vigo cando unha vez alguén se intentou propasar comigo», Mauro Leivas, pintor

«Esas cousas estiveron aí sempre, pero a dobre moral franquista foi fonte de represión, de cárcere, de tortura...», lamenta, e fai un chamamento á empatía. En relación coa sexualidade, pero tamén con calquera outro ámbito vital. Ó respecto a todas as diversidades. «Non todos somos como actor australiano que fai de deus Thor, Cris Hemsworth. Non todos somos ‘modelo Thor’. E manca esa visión do outro, esa falta de empatía, de respecto á opinión allea e ós dereitos dos demais. Desa xente que se cre máis alá do ben e do mal. E moitas veces, desde o poder reprimiuse o que eles practicaban. Co tempo demostrouse que os políticos máis represores da homosexualidade eran gais», sostén.