Buscan en Catoira a pegada de Don Víctor, un mestre represaliado

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

Tivo escola en Dimo dende o ano 1926 ata a Guerra Civil, polo que non é facil dar con testemuñas: «Chegamos dez anos tarde»

18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristina Conde Escaloni parece ter contaxiado a moita da veciñanza de Catoira a súa curiosidade polo pasado desta vila. «A xente venme contar historias para ver que se pode sacar de aí, e a min encántame», conta esta muller, que vai camiño de se converter en detective do pasado local. Non é de extrañar, pois, que Miguel Reboredo acabase acudindo a ela na súa procura de información sobre Víctor Touriño López, un mestre que tivo escola en Dimo entre o ano 1926 e o 1936, cando o estoupido da Guerra Civil ía cambiar tantos destinos.

Reboredo coñeceu a figura deste mestre por algúns dos que foran seus alumnos. «Falamos de xente á que lle dou clase cando estivo na Guarda, entre os anos 1951 e 1967», explica. Todos coincidían en que era «un bo home» cunha historia que merecía ser contada, pero da que non tiñan moitos datos. E entón Miguel, que parece compartir con Conde Escaloni o gusto por se mergullar nos rexistros entre os papeis do pasado, púxose mans á obra, preparando un artigo que publicará no libro das Festas do Monte (A Guarda).

Reboredo ten conseguido trazar a cartografía básica da vida de Don Víctor. Comeza esta co seu nacemento en Santiago, na rúa de San Pedro, o 13 de setembro de 1898. Foi mestre en Dimo ata o 1 de setembro do 1936 cando, como tantos os mestres da República, foi «depurado» e expedientados sen emprego nin salario. No 38 casou, en Conxo. No 1940 foi enviado a dar clase a Pardina, en Burgos, onde pasou sete anos. Logo puido volver a Galicia, primeiro a Oia e finalmente á Guarda, onde xubilou en 1967.

Pero malia ter marcada toda esa cronoloxía, a Miguel fáltalle esa outra información que permite insuflar vida ás personaxes que só coñecemos polo papel. Pero para obtela resulta fundamental dispor de fontes, neste caso, testemuñas. Por iso, na busca de alguén que poida recordar a Don Víctor, ou mesmo ter algunha foto súa ou da súa escola, estableceu Miguel contacto con Conde Escaloni, que xa pola súa conta levaba tempo pensando na necesidade de facer algo para recuperar a memoria dos mestres da República en Catoira. «A xente máis nova descoñece por completo o que foi a Guerra Civil», explica. Así que, disposta a aportar o seu gran de area contra a desmemoria, empezou a preguntar por Don Víctor. «Hai un veciño de noventa anos que o coñeceu cando era moi pequeniño, e que di que escoitou falar sempre moi ben do mestre. Pero a maior parte da xente, cando lle pregunto, di, ‘chegas dez anos tarde, os que sabían eran meus pais'». Ela, malia todo, non se rende e segue buscando.