O drama dos refuxiados de Siria chega a Cambados coa última novela de Exidio Cuíñas

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Logo de «As gotas de mercurio» -na imaxe-, Exidio Cuíñas presenta agora a súa terceira novela «Serei os teus ollos en Idomeni»
Logo de «As gotas de mercurio» -na imaxe-, Exidio Cuíñas presenta agora a súa terceira novela «Serei os teus ollos en Idomeni» Martina Miser

A Casa da Calzada acolle este mércores a presentación de «Serei os teus ollos en Idomeni» coa presenza de dous voluntarios galegos nos campamentos da fronteira grega

07 may 2024 . Actualizado a las 13:29 h.

«Temos moi pouca memoria», laméntase Exidio Cuíñas, pero aí está el para non esquecer de todo. Fala do drama dos refuxiados sirios e afgáns que se viviu en 2016 e que hoxe, co foco posto en Palestina e Ucraína, xa non ocupa titulares nin minutos de televisión. Pero a traxedia continúa, nenos e adultos seguen fuxindo e morrendo por terra e por mar na procura dunha oportunidade, e este mércores haberá ocasión de botar unha ollada a esa realidade co gallo da presentación do libro Serei os teus ollos en Idomeni. O acto será na Casa da Calzada de Cambados ás 20 horas e contará coa presenza do autor, Exidio Cuíñas, —que para a súa faceta literaria emprega o seu segundo nome fronte ao Xaquín co que o coñece a maioría da xente—, do editor, Antón Mascato, e de Azucena e Xabier, dous voluntarios galegos nos campos de refuxiados de cuxa experiencia bebeu Cuíñas á hora de escribir a súa terceira novela. Por casualidade, explica, coñeceu a historia de Xabier e decidiu rescatar aquelas cartas que lle enviaba ao seu amigo Álvaro Torres desde Grecia a Galicia contando o día a día no campo de refuxiados. A súa novela tamén bebe da experiencia de Mateen Omary, que con 16 anos iniciou unha viaxe de dous anos desde Afganistán ata que puido, por fin, chegar a España. Actualmente vive en Alacante e este mércores non faltará na presentación do libro, aínda que sexa a través dun vídeo.

A historia que parte da pequena estación de Idomeni, a última antes de cruzar a fronteira grega con Macedonia do Norte, sérvelle a Cuíñas como punto de partida para recrear aquel tempo vivido no 2016 a raíz do peche da ruta dos Balcáns no que milleiros de persoas que escapaban da guerra en Siria acabaron «atrapadas coma chinches». «Ao principio ía contar só a experiencia de voluntarios, pero vin que a historia quedaba coxa e quixen que a novela fose tamén para os ollos dos refuxiados. Intentei que Idomeni fora un punto de encontro dramático entre occidente e oriente e narrar ese contraste», explica Cuíñas. «Mais tamén asistimos a un relato de esperanza a través da coraxe dos voluntarios e a valentía de moitos refuxiados, diferentes perspectivas que se cruzan por un instante, coma ese ollar fugaz dos viaxeiros atemporais agardando por un tren que non acaba de chegar ou de partir"». Ese ollar e a mirada do escritor cambadés chegan a partir de mañá ás librarías de Cambados e á sala Pitusa Cabanillas na Calzada.