Literatura, música, teatro e xogos populares animarán o mes de maio na Pobra

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

Patricia Lojo, concelleira de Cultura, e Fita Sanisidro, técnica de Cultura, presentaron o programa.
Patricia Lojo, concelleira de Cultura, e Fita Sanisidro, técnica de Cultura, presentaron o programa. CEDIDA

O Día das Letras Galegas terá lugar unha feira de artesanía no Cantón da Leña na que non faltará a música

07 may 2024 . Actualizado a las 21:01 h.

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello da Pobra ten preparado un amplo programa de actividades culturais e de ocio para este mes de maio con propostas para todos os públicos. Presentacións literarias, música, teatro e xogos populares forman unha proposta que ten a tradición como fío condutor.

«Traemos unha programación moi dinámica e atractiva que, se ben conta con actos xa consolidados nestas datas, tamén incorpora novidades co afán de ir medrando prograsivamente en cada edición», sinalou a edila de Cultura, Patricia Lojo.

A concelleira destacou a figura da poeta Luísa Villalta, á quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e que mobilizaron o tecido asociativo «para que tamén chegue á sociedade o que se fai pola cultura no ámbito local».

O festival de canto, baile e música Tradición e Luísa Villalta, da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Camariñas, marcou o inicio da programación o pasado domingo.

Este martes 7 os protagonistas serán os escolares da infantl, a quen se lles levarán como agasallos uns cadernos cuns lapis de cores para escribir letras galegas.

A quenda da arte virá coa apertura da exposición do Certame Isaac Díaz Pardo o venres día 10, ás 12.00 horas, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Esta mostra atópase conformada por máis dunha quincena de pezas de diferentes expresións artísticas como videocreación, instalacións audiovisuais, fotografía, escultura ou gravado.

Xa pola tarde, ás oito e media, está previsto que se proxecte o documental Voces da conserva no teatro cine Elma.

As rúas da vila converteranse nun particular campo de xogos o martes 14, de 10.00 a 13.00 horas. Alumnado de primaria participará na acción lúdica Marabillas de Galicia, de Barafunda Animación.

Esperanza Mariño presentará o seu libro As escumas da letra. Bibliografía de Luísa Villalta. Será o xoves 16, ás 20.00 horas, no auditorio do museo Valle-Inclán.

Feira do 17

O propio Día das Letras Galegas, o Cantón da Leña será o epicentro da Feira do 17. A partir das 12.00 horas estarán instalados postos de artesanía, grupos de música e baile tradicional, unha polbeira e, para rematar a festa, actuará o grupo Tanto Nos Ten.

Os xogos populares regrasarán no sábado 18. Nesta ocasión da man de Somos Enredos, a partir das 17.00 horas, no parque do Castelo.

Brandomín Teatro, da Asociación de Amas de Casa da Pobra, levará a escena a función Unha residencia con moita marcha o domingo 26, ás 20.30, no teatro cine Elma. 

O programa pecharase coa presentación do libro Fóra de xogo, de José Luis Baños, obra gañadora do sexto Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A cita levarase a cabo o xoves 30, ás 12.00 horas, no auditorio do museo Valle-Inclán.