Secho Martínez: «Foi clave saber convivir coa esixencia»

La Voz

PORTO DO SON

BASILIO BELLO

O técnico sonense do Bergantiños viviu un ano complicado no persoal, pero foi capaz de sacar adiante o reto que asumiu o pasado verán e ao que aínda non sabe se dará continuidade para o próximo curso

07 may 2024 . Actualizado a las 12:27 h.

Secho Martínez (Porto do Son, 1977) asumiu o pasado xuño o difícil reto de devolver o Bergantiños á Segunda Federación. Para iso, volveu actuar de primeiro adestrador tras catro anos facéndoo de segundo ou asistente en clubes como o Dépor ou o Lugo. Dende o primeiro día admitiu o papel de favorito e marcou o primeiro posto como esixencia para o equipo. Unha demanda á que os seus responderon da mellor forma.

—Cales diría que foron as claves para o éxito deste equipo?

—A primeira, evidentemente, facer sentir a todo o mundo partícipe deste éxito. Tamén que souberamos convivir coa esixencia, ás veces desmedida, que nos marcaron, que non era nada fácil. Recordo un empate contra o Silva na pretemporada que se viu como unha catástrofe cando non era máis que iso, un partido amistoso. Soubemos centrarnos no partido a partido, respectar a categoría e ver a dificultade que iamos ter. E aí fomos crecendo como equipo, solucionando tódalas dificultades que hai sempre no camiño a estes logros. En tódolos procesos hai adversidades e nós fomos quen de ir sorteándoas. Futbolisticamente tamén crecemos. No Nadal falamos e vimos que se eramos capaces de encaixar pouco, iamos estar máis preto do obxectivo.

—Como se mantén enchufado a todo o vestiario?

—É complicado, pero tiña moi claro que para lograr un obxectivo así hai que ter continuamente conectados a un mínimo de dezaseis xogadores. Non foi fácil, porque o xogador quere xogar sempre, pero falámolo moito tanto colectiva como individualmente. No mundo do fútbol edúcase moito para mirar un once ou as estatísticas de quen máis marca. Pero non é así. Todos tiveron os seus momentos durante o ano. Algúns, máis mozos, tiveron menos protagonismo en minutos, pero seguro que creceron moito.

—Ten a sensación de que non lle deron todo o crédito que este equipo merecía durante unha tempada tan dominante?

—Non debería ser así. Cando pase o tempo e se reflexione na súa xusta medida, váiselle dar moito máis valor a este título. Se botamos a vista atrás e analizamos, vemos que era un equipo totalmente novo e comparámolos cos planteis de Arousa ou UD Ourense, ese enfoque non é o correcto. Si que debemos marcarnos a máxima esixencia e creo que o fixemos. Pero hai que respectar á categoría e se un compara con outras tempadas, verá que non é normal a diferenza de puntos que lle quitamos ao Arousa ou á UD Ourense.

—Custoulles máis nas Eiroas que a domicilio, tivo moito que ver o campo?

— Non falei disto durante todo o ano, pero si que necesito dicir unha cousa co máximo respecto ás partes que lle correspondan e ca máxima claridade. Dende que cheguei sempre que me preguntaban polo céspede artificial aquí nas Eiroas. Enfocámolo, creo, da mellor maneira posible, dicindo que o equipo que máis adaptado ía estar eramos nós, e que iso non ía cambiar. Era unha idea positiva para non excusarnos no campo. Pero iso non quere dicir que non sexa un campo moi complicado para o que nós buscabamos. É moi difícil xogar nas Eiroas e penso que seriamos moito mellores noutra superficie.

—Foi unha tempada dura no persoal, cunha apendicite e o falecemento do seu pai. Reconforta o éxito profesional?

—Non, nunca enfoco as cousas así. É máis a satisfacción persoal do traballo, do día a día, de querer mellorar e gozar dun gran club. É certo que foi un ano duro, de moito traballo e que a partir do Nadal foi un pouco a peor pola enfermidade do meu pai. Houbo entón que dar un esforzo físico e emocional moito maior. Pero foi o que tocaba.

—Seguirá o ano que vén?

—Primeiro, rematemos a liga.