Maio florido

CULTURA

Celebración dos maios na praza Maior de Ourense.
Celebración dos maios na praza Maior de Ourense. Santi M. Amil

07 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aí vén o maio de frores cuberto...». Así comezaba o preclaro don Manuel Curros Enríquez o poema «O maio» incluído no seu libro Aires da miña terra, que foi editado no ano 1880. Neses finais do século XIX, e a ollos de tan ilustre galeguista, a tradición dos maios en Galicia tiña que ser un verdadeiro espectáculo ben espallado por todo o noso territorio. Ese poema de don Manuel Curros, co paso do tempo, chegou a converterse nun himno ben coñecido por moita xente en Galicia. Grazas tamén ao pulo que no ano 1975 o cantante Luís Emilio Batallán lle deu cando editou o seu primeiro traballo discográfico, onde incluía este poema musicado. Hoxe é unha desas cancións icónicas da nosa música. Alén do poema e da canción, os maios son unha antiga tradición que aínda sobrevive nalgúns lugares da nosa terra. Son a celebración anual da efervescencia da natureza, moi ligada ás colleitas e cadrando de xeito directo coa chegada do Beltaine, o verán no calendario céltico. Neste contexto, mestúranse un feixe de rituais derivados da influencia de diferentes ritos precristiáns que toman forma co influxo do cristianismo en maior ou menor grao.

A tradición dos maios, como moitas outras, foi esmorecendo co paso do tempo, pero quedan lugares en Galicia onde se celebran inmemorialmente e cada ano que pasa van collendo máis pulo. Quizais Ourense sexa a provincia galega onde esta festa aínda conserve unha gran popularidade con todo tipo de celebracións nas súas diferentes variantes. Mais o maio tradicional por excelencia pode que sexa o de forma piramidal ou cónica, os que semellan árbores profusamente adornadas. O elemento vexetal principal é a xesta, que cobre estas estruturas engalanadas a maiores con bugallos, ovos, cítricos e todo tipo de flores e plantas. A exaltación da natureza levada a formas concretas ás que se lles dan interpretacións diversas, e algunhas ben interesantes.

Eu, como observador, quedo co feito importante de que chegase ata nós e de que esta fermosa tradición aínda goce de boa saúde. E que sigan cantando os nenos, protagonistas fundamentais nestas celebracións e expoñentes claros de que a luz perdura.