Sober: destino cultural

Antón Patiño

SOBER

Un momento da presentación en Madrid do proxecto da aldea de Donelle
Un momento da presentación en Madrid do proxecto da aldea de Donelle

Neste municipio da Ribeira Sacra multiplícanse as novas propostas

17 may 2024 . Actualizado a las 10:50 h.

Resulta moi interesante o que está a acontecer coas informacións ao redor das propostas culturais que están a xurdir en Sober. Tiven oportunidade de asistir á presentación en Madrid do proxecto Guardabosques que vai estar radicado na aldea de Donelle, perto de Gundivós. Un evento que convocou a un nutrido grupo de interesados (no local da cooperativa Ecooo) para coñecer os detalles desta singular aventura. Según indican: «A formación vai ser o elemento central da actividade anual de Guardabosques. Os procesos formativos que vai albergar están relacionados coa transición ecosocial, dereitos humanos, economía social e solidaria, cooperativismo, feminismo, xustiza social, democratización, arte, cultura e experimentación».

Participaron os arquitectos Manuel e Manolo Viéitez, que van rehabilitar as construcións existentes na pequena aldea mercada pola cooperativa cara iniciar (dentro de aproximadamente un ano) as actividades de talleres e cursos, vinculados á contorna e coa vontade ecolóxica de salvagardar a memoria antropolóxica e explorar novas vías de cooperación solidaria. Falou Barcia, un dos inquietos promotores desta aventura, dunha idea compartida que foi tomando corpo axiña. Estivo tamén o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e contou coa entrañable presenza da familia que era propietaria das casas e terreos en Donelle, que se amosaron satisfeitos pola nova vida que vai ter o lugar. Un entorno fermoso rodeado de lameiros e bosques que agora ha ser preservado por novas xeracións.

Una vista aérea de la aldea de Donelle, donde se desarrollará el proyecto de la cooperativa Ecooo
Una vista aérea de la aldea de Donelle, donde se desarrollará el proyecto de la cooperativa Ecooo

Nova esperanzadora

A esperanzadora nova recente da candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade dota dun interese notable a estas iniciativas de recuperación do rural. Cómpre apoiar o proceso da candidatura con diferentes medios. O potencial da Ribeira Sacra é moi grande e está a pedir o complemento dunha nidia dimensión cultural. Desde hai anos en numerosos textos teño salientado a singularidade da nosa comarca («Paisaxe de auga na Ribeira Sacra») como territorio dotado dunha riqueza que hai que valorar na súa dimensión transversal. Unha aposta vital por un desevolvemento de sostenibilidade e centrado na simultánea valoración do ecosistema cultural, vectores antropolóxicos, recentes achados de arqueoloxía, a maxia da paisaxe, a cerámica tan singular da zona, o viño de Amandi e o seu cultivo en «socalcos» como referente nun contexto de imprescindible diálogo coas expectativas que marcan o paradigma ecolóxico.

Guardabosques inicia as súas actividades cuns talleres que comezan xa agora, con cursos teóricos impartidos por pensadores e activistas culturais de primeira liña (o filósofo Amador Savater, o naturalista Joaquín de Araujo, a antropóloga e enxeñeira Yayo Herrero ou o humorista Pepe Viyuela). Estes cursos terán lugar na Casa Grande de Rosende nas próximas semanas.

 

O labor de La Plantación

Esta iniciativa superpónse ao gran labor que está facendo (dende hai unha década) La Plantación, coordinada por Elisa Pereira, que vén celebrando os seus encontros culturais nos últimos anos na Casa Grande de Rosende. Por alí pasaron centos de participantes con moitos dos artistas e filósofos máis significativos do panorama actual: Víctor Erice, Pablo D'Ors, Julio Llamazares, Javier Vallhonrrat, Joan Fontcuberta, Isabel Muñoz, Josep Maria Esquirol, Ramón Andrés, Bernardo Atxaga, Juan Tallón, Pedro Costa, José Luis Guerin, Jaime Rosales, Mercedes Álvarez, Alberto García-Alix… entre outros significativos referentes. Moitos dos alumnos participantes proceden de outros países.

Os encontros de La Plantación representan unha oportunidade única para achegarse á reflexión sobre o noso tempo, achegas ao cinema, literatura, pensamento… con prácticas artísticas como a fotografía nun contexto de experimentación e talleres de convivencia en contacto con algúns dos mellores profesionais. Está aberta na actualidade a convocatoria para os novos cursos de verán.

 

Sober, Sabor, Saber

Un conxunto de actividades que teñen en Sober o seu emprazamento e definen unha «denominación cultural de orixe» (Sober/ Sabor/ Saber... Todo semella fusionar na plenitude dos sentidos). A cultura é un activo esencial, como motor económico decisivo que interacciona con outros factores de crecemento. Só podemos celebrar o impulso que todas estas actividades e experiencias están a agromar no corazón da Ribeira Sacra. Sober: epicentro de coñecemento.