Cuarto ciclo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

SANTIAGO CIUDAD

Imagen de archivo de alumnos del cuarto ciclo de la USC de Ribeira.
Imagen de archivo de alumnos del cuarto ciclo de la USC de Ribeira.

08 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos, a universidade está a vivir unha revolución, pero non polas súas xeracións máis novas, senón polas veteranas. O cuarto ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, ao que acoden persoas xubiladas —sobre todo mulleres— está a convocar cada vez máis público, que participa con entusiasmo de conferencias, cursos e visitas culturais. Teño a fortuna de impartir charlas de cando en vez para ese público e é unha marabilla o participativos que son e o implicados que están na aventura de coñecemento. Persoas moitas veces dedicadas ao traballo e á familia que agora, con tempo libre, exploran o coñecemento e o goce do saber.

En Ribeira, a sede do cuarto ciclo universitario da USC non é un asunto menor. O outro día tiven o pracer de impartir unha charla dentro da programación cultural municipal, á que acudiron moitas das persoas que tamén participan dos cursos universitarios.

Porque unha programación cultural dun concello é como prantar unha leira: ás veces custa que a horta saia para diante, pero sempre acaba funcionando. Nesta ocasión dinlles unha charla sobre o escultor Asorey. Tiña previsto tres cuartos de hora e estendinme perigosamente a unha hora e tres cuartos. Podía ter saído de alí cos pés por diante e abrindo (para mal) a portada desta edición comarcal, pero rematei con entusiastas aplausos.

O 90 % do auditorio aguantaron como unhas campioas, sen deixar de participar en todo momento ao longo da charla. Se foran os meus alumnos de grao teríanme fuxido polas fiestras. Velaí o poder da cultura.