Concerto de De Vacas na Laracha e máis actos polo Día das Letras Galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Maxia en Laxe, un certame fotográfico en Cerceda e protagonismo total das entidades locais en Cabana

09 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis Concellos da Costa da Morte dan a coñecer as actividades coas que conmemorarán o Día das Letras Galegas, que se celebrará o vindeiro venres.

É o caso de A Laracha, cun concerto de De Vacas como principal atractivo. Será o sábado 18, ás dez da noite, na praza Les Sables d'Olonne. O día seguinte o protagonismo pasará ás asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión, que deleitarán ao público cun espectáculo de música e baile tradicionais. Será ás seis da tarde, na mesma praza.

A programación larachesa incluirá, así mesmo, tres contacontos teatralizados os días 16, 20 e 24 na biblioteca de Paiosaco, Casa da Cultura da capital municipal e biblioteca de Caión, respectivamente. Por último, terá tamén o seu protagonismo o alumnado das actividades municipais anuais, con dúas funcións a modo de clausura do curso de teatro (días 17 e 18) e coa exposición dos traballos de manualidades, macramé, tecido, encaixe e restauración e tapicería.

En Vimianzo, por outra banda, a programación dirixirase especialmente á rapazada e comezará os días 15 e 16 cun obradoiro infantil na biblioteca municipal, incluíndo na segunda xornada un espectáculo de narración oral a cargo de Manuela Contacontos. Os festexos completaranse con dúas representacións teatrais a cargo de Elefante Elegante, os días 25 e 27, e cunha exposición da obra de Luísa Villalta que estará na biblioteca durante todo o mes.

Máis actos, desta banda en Laxe, onde o propio venres 17 o Concello apostará pola unión de maxia e cultura co espectáculo As nosas letras, do Mago Teto, que poderá verse na Praza dos Voluntarios ás seis da tarde.

En Cabana, por outra parte, serán as entidades locais as absolutas protagonistas dun acto conmemorativo que terá lugar o día 17 na Escola da Vela. Participarán a Escola Municipal de Teatro, o grupo de ximnasia rítmica das Escolas Deportivas Municipais, a Coral San Martín de Canduas, a Coral de Cesullas e a agrupación Son de Cabana.

Por último, o Concello de Cerceda vén de anunciar a convocatoria dun novo concurso fotográfico con motivo das Letras Galegas. O prazo estará aberto ata o día 22, ás 14.00 horas, e o gañador recibirá como gratificación un libro electrónico.