«Fun alcalde oito anos e deixeino, prefiro dicir a palabra, eu valoro moitísimo a coherencia»
A MARIÑA
O ourolés Suso Rubert, como lle chaman familiarmente, é unha das doce persoas da diocese que foron nomeadas e autorizadas en 2002 polo anterior bispo, Gea Escolano, para exercer de animadores e guías nas celebracións dominicais e festivas, en ausencia dos cregos. Na actualidade ven desenvolvendo esta labor nas parroquias de Xove de San Isidoro, San Miguel da Rigueira, San Pedro de Xuances e San Bartolomeu.
Di que prefire isto a ser alcalde, actividade que exerceu en Ourol, o concello onde naceu: «Si que fun alcalde oito anos, tamén pode un cristián ser alcalde. A razón fundamental polo que me metín foi para loitar pola electrificación das parroquias, logrei que dous terzos a tiveran e tamén conseguimos mellorar os accesos e, no cultural, recuperar as antigas escolas para polas a disposición das parroquias. Eu entendía que era fundamental pelexar para mellorar o nivel de vida que había. Recordo que daquela había dous impostos, o de bicicletas e carros, a Hacienda non lle gustou que pretendera eliminalos, pero ó remate convencinos de que xa era bastante desgraza ter que andar en bici e non poder chegar a un tractor para encima ter que pagar impostos por iso. Pero deixeino, non nacín para ser alcalde, prefiro dicir a palabra, eu valoro moitísimo a coherencia nas persoas», sinala Rubert.
Afirma que cando lle solicitaron colaborar nas celebracións foi encantado: «Un é cristiá e hai que demostralo, é un servizo que me piden facer e fágoo encantado. Si un está convencido da súa fe, debemos dar testemuña, é o que eu fago e neste momento no que non hai vocacións suficientes, si un pode facelo e crendo, faise encantado», explica.
No tempo que leva exercendo di, ó menos é a súa impresión, que non ten pega de ningún tipo coa xente: «Non me queixo en absoluto, vese que é xente con fe». Ademais, precisa que non hai problema de meter a pata xa que a homilía faise en colaboración e baixo a supervisión do crego, neste caso de Cándido Otero, que é quen lle pediu a colaboración cando el levaba cinco parroquias. Tamén contan, di, cos manuais que a Conferencia Episcopal lles proporciona e aparte diso, estivo un tempo no seminario, recibiu preparación específica e estivo e está vinculado, dando catequeses e en comisións de liturxia.