O Balonmán Fishing Work Viveiro impúxose ao Balonmán Culleredo (25-21) na sexta xornada do Trofeo Delegación Norte, co que firmou un pleno de trunfos na primeira rolda do torneo. Deste xeito, o cadro viveirense rematou como líder do seu grupo e en abril cruzarase nos cuartos de final co Balonmano Ferrolterra, cuarto do outro grupo. Os locais, dirixidos o sábado por Randy, fixeron uns 25 primeiros minutos moi completos. Apoiados nunha gran defensa e a boa actuación de Sergio na portería, xunto a un fluído ataque, conseguiron marcharse de 7 goles no luminoso (13-6).
Unha pequena perda de intensidade e unha inferioridade de dous homes, provocou que os culleredenses se achegasen no electrónico, chegando ao descanso con catro goles de vantaxe para os da casa (14-10).
O segundo tempo comezou con intercambio de goles, ata que os visitantes volveron aproveitar outro pequeno baixón dos locais, a 10 minutos do final, para situarse a un solo tanto (21-20). Nese intre, Randy, viuse obrigado a pedir o seu tempo morto regulamentario e, a partir del, os azuis volveron marcar terra de por medio e pecharon o encontro con tranquilidade, impoñéndose por 4 goles (25-21). Polo Fishing Work xogaron e anotaron: Sergio e Rico; David (1), Carlos (5), Javi (5), Miguel (1), Oki, Billares (2), Mario (4), Diego, Julio (2) e Mariño.
A competición ligueira na segunda Autonómica Norte comeza esta fin de semana e o Balonmán Fishing Work Viveiro comezará xogando na casa. Os de Fernández recibirán mañá en Viveiro (19.00) ao Balonmán Pontedeume.es, un dos aspirantes a loitar polos primeiros postos da táboa clasificatoria. O preparador mariñao entende que o primeiro obxectivo do seu equipo debe ser «quedar entre os 4 primeiros para continuar o ano que vén en segunda Autonómica, aínda que a finalidade é buscar os postos que dean dereito a xogar o ascenso». O resto da xornada componse dos seguintes enfrontamentos: Bm. Narón-Bm. Ártabro Hércules, Bm. Lucus-CD Conxo e Bm. Ferrolterra-Bm. Culleredo.