O Fishing Work Viveiro retorna á liga visitando ao Culleredo

La Voz

A MARIÑA

09 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Fishing Work Viveiro retoma a competición na 2ª Autonómica Norte coa visita a unha das pistas máis complicadas do grupo. Os pupilos de Juan Fernández enfrontaranse mañá ( pavillón do Burgo, 18 horas ) ao Balonmán Culleredo.

O cadro viveirense, que continúa imbatido nesta tempada, tentará volver á senda das vitorias, logo de que os seus dous últimos partidos rematasen en táboas. Non o terán doado os mariñaos, a pesar de que xa se impuxeran ao conxunto culleredense nos seus dous enfrontamentos copeiros. «Aqueles partidos non fan proba, dado que moitos equipos tomaran a primeira rolda do Trofeo Delegación como unha pretempada. Eles son un rival que medra moito na súa casa, polo que afrontamos o choque con moita precaución», manifestou Juan Fernández.

O técnico pensa que unha das claves para que o seu equipo acade os dous puntos radicará en que «volvamos estar ao nivel defensivo da primeira xornada de liga e da Copa, xa que nos dous últimos encontros baixamos un pouco. Se o conseguimos crecerán moito as nosas posibilidades e, senón é así, sufriremos moito», concluíu.

O adestrador azul non poderá contar para esta cita con Marco, que xa non viña disputando as últimas xornadas. O lateral esquerdo será baixa definitiva para toda a campaña, debido á rotura do menisco e o cruzado anterior do seu xeonllo dereito. O porteiro Víctor tampouco viaxará por cuestións persoais.