O Fishing Work Viveiro venceu ao Ferrolterra e achégase ao terceiro

Miguel Albo

A MARIÑA

13 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Fishing Work venceu con comodidade ao Balonmano Ferrolterra (18-44) e trala derrota do terceiro clasificado -o Bm Naron-, aumentaron as súas opcións de rematar en postos que dan dereito a xogar a fase de ascenso. Polo tanto, o cadro adestrado por Juan Fernández xogarase nesta semana todo o traballo feito durante a tempada. "Despois de confiar nas nosas posibilidades e de non dar o brazo a torcer, atopámonos con que aínda temos posibilidades gracias aos enfrontamentos entre rivais directos. A nosa idea é ir partido a partido, xa que temos ao equipo moi mermado polas baixas", manifestou Fernández.

Os viveirenses foron moi superiores ao seu último rival e xa vencían ao descanso por 5-18. Na segunda parte, os azuis non fixeron máis que aumentar a súa distancia ata os 26 goles finais. No equipo mariñao destacou a volta do lateral Marco, tras cinco meses no dique seco, e o debut do xuvenil Sanjurjo, que saíu titular e colaborou no triunfo con seis tantos. Polo Fishing Work xogaron e anotaron: Rico e Víctor; David (5), Carlos, Fran (12), Miguel (1), Oki (6), Diego (2), Marco (3), Julio (4), Sanjurjo (6) e Mariño (5). O equipo mariñán é agora quinto, a dous puntos do terceiro (Narón) e do cuarto (Culleredo), aínda que os viveirenses contan cun partido menos disputado que os culleredenses, aos que ademais lle teñen ganado o goal average. A derrota dos naroneses co Lucus (23-24) provocou que as posibilidades de quedar terceiros dos azuis medraran. É por elo que os xogadores dirixidos por Juan Fernández disputarán nunha semana catro partidos nos que loitarán por conseguir os seus dous grandes obxetivos desta tempada. A consecución dunha praza na nova Segunda Autonómica e a entrada na fase de ascenso a Primeira Autonómica. Para cumplir co primeiro cometido, chegaríalles con rematar entre os cinco primeiros, mentres que para lograr o segundo deberán finalizar terceiros, unha vez que os dous primeiros postos serán ocupados por Bm Pontedeume e CD Conxo. Na loita por estes dous obxetivos tamén estarán o Balonmán Lucus e o Balonmán Culleredo, ademais do Narón.

A primeira batalla será mañá no Municipal de Viveiro. O Fishing Work xogará contra o Balonmán Ártabro (19 horas), ao que lle devolverá a visita o domingo, en encontro da sétima xornada, adiado no seu día. Xa o xoves 19 e o sábado 21, os azuis xogarán dúas voltas contra o Balonmán Lucus, xa que o choque da primeira volta tamén fora adiado. Se os mariñáns son quen de vencer estes catro partidos, dependerán de que o Narón, que xoga ante rivais directos coma o Lucus e o Culleredo, deixe tres puntos polo camiño.