O Balonmán Fishing Work Viveiro rubricou o pasado sábado o seu pase a fase de ascenso a 1ª Autonómica, coa vitoria diante do Bm. Lucus (26-18), a sexta consecutiva dos viveirenses no tramo final de liga.
Os mariñaos xogarán a primeira fase do play off de ascenso o fin de semana do 24, 25 e 26 de abril, nun lugar aínda por concretar, aínda que a directiva viveirense está estudando a posibilidade de pedir a organización da mesma, polo que o Municipal de Viveiro podería acoller a devandita competición. Os pupilos de Juan Fernández cruzaranse neste sector de ascenso co Conxo, primeiro clasificado do seu grupo, e co segundo e o cuarto da zona sur, que neste intre son o Sárdoma de Vigo e o Pabellón de Ourense.
Antes de loitar polo ascenso, o Fishing Work afrontará os cuartos de final da Copa Delegación, que lle servirán aos viveirenses, «unha vez que o obxectivo principal da tempada esta cumprido», para preparar a liguiña cos mellores equipos da 2ª Autonómica, «que é un premio ao gran traballo feito polos xogadores», manifestou Juan Fernández.
Nestes cuartos de final, os mariñaos quedaron emparellados co Balonmano Ferrolterra, que non coñece aínda a vitoria en liga e copa, polo que os azuis parten como claros favoritos. O encontro de ida xogarase na maña do domingo en Ferrol.