Esta estudante de terceiro da ESO gañou o primeiro premio do segundo ciclo do concurso «As Mates Molan», organizado polo IES Porta da Auga, de Ribadeo
14 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Alba Blanco Vázquez é unha alumna de terceiro da ESO no instituto Vilar Ponte, de Viveiro. Con tan só 15 anos xa é toda unha experta en matemáticas, aínda que ela asegura que non é a súa materia favorita. Esta semana coñecéronse os resultados do concurso As Mates Molan, organizado polo IES Porta da Auga, de Ribadeo, e Alba Blanco gañou o primeiro premio na categoría de segundo ciclo da ESO. O premio son 100 euros en vales de compra para gastar por Ribadeo.
-Parabéns polo premio.
-Grazas, a verdade é que non mo esperaba. Esta era a primeira vez que participaba no concurso de As Mates Molan e estou moi contenta por conseguir o primeiro premio.
-¿Non confiabas en gañar?
-Para nada. Eu saín do exame moi ilusionada, porque os problemas e as probas saíronme ben, pero non imaxinaba gañar. Cando mo dixeron, o martes, non mo cría. Foi unha boa noticia e estou moi contenta.
-¿Parecéronche moi duras as probas?
-Algunhas máis que outras. Había cinco boletíns, para facer cada quince días e entregar, máis o exame final que foi en Ribadeo, pero case todos eran temas que estamos estudando en clase. O que máis me gustou desta experiencia foi ver como me ía superando a min mesma pouco a pouco. Foi moi satisfactorio porque non sabía que tiña esta capacidade para resolver os problemas matemáticos.
-Pero imaxino que serás boa en matemáticas...
-Dánseme ben e gústanme as matemáticas, pero hai outras materias que se me dan mellor e que me gustan máis. Prefiro as ciencias, como a bioloxía. Non creo que me dedique ás matemáticas nun futuro.
-¿Repetirás no concurso?
-O ano que vén volvo a participar seguro. Xa teño asistido á Olimpíada de Matemáticas e outros concursos relacionados con esta materia, pero sempre foi en grupo. A experiencia en Ribadeo foi moi boa.