O Balonmán Fishing Work Viveiro decidiu incorporar ás súas filas a un novo xogador para afrontar o tramo decisivo da competición en Segunda Autonómica, no que os xogadores dirixidos por Juan Fernández tentarán evitar o descenso. Os viveireses suman tres puntos máis e disputaron dous choques menos que o Galicia Social, o primeiro equipo en descenso.
O novo integrante do plantel mariñao é o navarro Javier Chivite, un xogador de 20 anos e 1,82 metros de altura que xoga de central e tamén se pode desenvolver no resto de posicións da primeira liña. Chivite leva dous anos inactivo e criouse na canteira do San Antonio, conxunto pamplonica da Liga Asobal.
O adestrador do conxunto mariñao, Juan Fernández, sinalou que o xogador é un bo reforzo para afrontar o tramo decisivo da competición e o duro mes de marzo que teñen por diante os viveirenses, onde terán que xogar seis partidos en 25 días. «Tendo en conta que o lateral David se vai perder por lesión o que resta de tempada, é positivo contar cun xogador máis que pode dar descanso ao resto de xogadores de primeira liña, xa que andábamos algo xustos de efectivos», explicou.
Do mesmo xeito, o técnico valorou as condicións de Chivite: «Temos a carencia dun central real, xa que aínda que Renan o está facendo moi ben nese posto, non é o seu lugar natural, polo que nos vai vir ben ter un xogador que saiba manexar e dirixir ao equipo».
O novo xogador do Fishing Work podería debutar mañá mesmo diante do Pabellón Ourense (Municipal de Viveiro, 17 horas), un rival ao que os viveirenses derrotaron por 24-27 no partido de ida. O adestrador local é sabedor de que terán que sudar moito para volver a conseguir os dous puntos en xogo: «Eles están loitando polo ascenso e supoño que virán con ánimos de revancha, logo de que os derrotáramos no seu feudo».
Así mesmo, indicou que «os dous equipos coñecémonos ben, despois de xogar o ano pasado xuntos a fase de ascenso, pero só me preocupa o rendemento do meu equipo. Temos que recuperar o tono defensivo e a seguridade en ataque, xa que nos últimos partidos perdemos demasiados balóns», asegurou.