O pentatleta Cristóbal Rodríguez adxudicouse o pasado sábado o Open Nacional de Piedras Blancas
A MARIÑA
O pentatleta internacional viveirense Cristóbal Rodríguez venceu o pasado sábado o Open Nacional de Piedras Blancas. A proba disputada na localidade asturiana pertencente a Castrillón reuniu aos mellores deportistas desta modalidade, xa que servía como preparación para o Campionato de Europa.
O deportista mariñao comezou a competición na serie máis rápida da natación, sendo soamente superado polo canario Ángel Ceballos. Na proba de esgrima, Rodríguez disputou 46 combates, dos que gañou 40, o que o situou como líder para afrontar a combinada.
O multideportista comezou con forza, xa que foi capaz de tirar os cinco brancos en tan só 25 segundos, polo que logo de facer o primeiro tramo de carreira regresou ao campo de tiro no primeiro posto, do que volveu saír nesta mesma posición. Con xa soamente o último quilómetro de carreira por diante, Rodríguez entrou vitorioso no estadio de fútbol de Castrillón.