Durante a celebración das primeiras Xornadas de Historia de Burela organizadas polo Colectivo Cultural Buril, tiven a responsabilidade de coordenar unha sesión coa que se pretende describir e valorar a inxente obra social promovida polo armador e filántropo José Antonio Lestao Manzano (Morás, 1893-Burela, 1974). Síntome moi satisfeito de poder facer esta exposición en presenza de parentes, amigos e vecindario -moitas desas persoas tratárono e incluso se beneficiaron dos múltiples logros das súas iniciativas-, porque teño a certeza de que todos habemos saír satisfeitos da posta en común.
Souben da existencia de José Antonio Lestao como resultado dos traballos de documentación do «Modelo Burela», concretamente seguindo as pistas do ensino da lingua inglesa na localidade. Faláronme del con moito entusiasmo -enfatizando a súa actuación como intérprete coas familias das víctimas da Segunda Guerra Mundial- Gloria do Corneta e Fina de Miranda. Ambas me recomendaron acudir á familia para que me falasen del e me permitisen coñecer en primeiro plano os documentos do seu legado. Así o fixen, en boa hora.
Xusto na medida en que observaba a correspondencia co mestre Camilo Fernández ou que tiña nas mans os libros e revistas cos que estudou e ensinou a lingua inglesa, foi medrando en min un sentimento de admiración por unha persoa feita a si mesma, que superou con brillantez os obstáculos que se lle presentaron ao longo dos seus 81 anos de vida.
Integrante dunha familia numerosa -foi o sétimo de oito irmáns-, sendo neno aprendeu as catro regras coa axuda do cabo Constantino do Campo, e con 17 anos emigrou aos Estados Unidos, onde consegui emprego nas infraestruturas «rodoviarias» de California. Na cidade de San Francisco estudou de xeito autodidacta o inglés, ao tempo que coñeceu as teorías evolucionistas de Darwin e que se interesou por diversas artes, entre elas a fotografía e o cinema.
Xa retornado (1926), obtivo a titulación de patrón de pesca e, xunto cun irmán, fíxose armador da Manolita e integrouse no sector pesqueiro, en beneficio do cal tenta aplicar os coñecementos en materia de infraestruturas que adquirira en América. Durante a Segunda Repúlbica foi presidente do pósito local e impulsou as obras do primeiro porto de Burela.
Nun segundo período de xestión (1953-1957), neste caso ao frente da Confraría, xestionou a construcción de vivendas de protección oficial (as Casas Baratas), contribuíu decisivamente á creación da Escola de Orientación Marítima (na que tivo un papel tan destacado o seu colaborador Benigno Beltrán),d efendeu a compra da Fábrica de Bravo (que salvou varios postos de traballo do sector conserveiro) e capitaneou o proxecto de edificación dunha nova lonxa. Impresionante currículo, aquí resumido.
Transcorridos catro decenios desde a súa morte, chegoulle a hora deste modesto recoñecemento público. Poucos haberá que o teñan máis merecido.