O rexedor agradece o «gran traballo» da comisión e invita a galegos e asturianos a disfrutar das festas
09 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O alcalde de A Pontenova, o socialista Darío Campos, naceu en Vilaodriz e lémbrase dende moi neno de como eran as festas das San Lucas, ás que ía todos os anos: «Daquela chamabámoslles as feiras de A Pontenova. Teño moitas lembranzas, por exemplo, dos coches eléctricos antigos. Co tempo o cambio foi radical, evolucionaron dunha forma espectacular», sinala. Para este ano as expectativas son boas: «O tempo parece que vai acompañar, e o programa é dos mellores que se pode atopar nunha vila como a nosa. Ademais está a nova Queima de Os Fornos, coa novidade da iluminación e a proxección de imaxes sobre os mesmos».
-Valora pois o traballo da comisión.
-Por suposto. Co esforzo que veñen demostrando xa dende ai anos merecen todo o apoio que lles poidamos dar e máis. A min como alcalde solo me queda invitar a toda a xente, tanto galegos como asturianos, a que veñan a visitarnos e a disfrutar das nosas festas. Seguro que non se arrepentirán.
-Porque o que leve un ano sen vir pola Pontenova vaise atopar con non poucas sorpresas.
-Certo. A obra de encauzamento do río quedou moi ben e permitiu ampliar a zona onde están as festas. Tamén está o paseo fluvial, que me encanta; e a nova pasarela, superada a polémica do principio, penso que a xente está contenta con ela. A vila presenta un aspecto bastante mellor que o ano pasado.
-Unha obra moi importante que xa está en marcha e a mellora da estrada nacional.
-Amañaron a travesía da Pontenova e xa está feita ata San Tirso. Leva dúas capas de rodadura e para máis adiante quedará a de aglomerado. É unha obra imprescindible para nós.
-¿E cal e agora a prioridade?
-Estamos traballando na posta en marcha do punto de atención á infancia. Rematamos a obra civil e agora estamos cos permisos. E tamén estamos en conversas para que se faga un centro de día para a terceira idade. E a ver se facemos algunha mellora no campo de fútbol.