A Carreira Popular de Meaño abre a súa inscrición co récord de participación no punto de mira

AROUSA

28 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación Cultural e Deportiva GAM (Grupo de Amigos de Meaño) puxo onte en marcha a conta atrás da vixésimo cuarta edición da Carreira Popular de Meaño-Albariño Rosalía de Castro. Desde hoxe e ata o 13 de setembro, véspera da proba, os organizadores manterán aberto o prazo de inscrición coa vista posta nos 514 participantes do ano pasado, cifra que supón o récord da cita meañesa.

Desde a Asociación GAM recoñecíase onte a dificultade de superar unha marca como a do 2007. En todo caso, do que si están seguros os responsables da Carreira Popular de Meaño é de que «a participación será semellante á das últimas edicións».

Así o cre o presidente de GAM, Marcos Castro, acompañado no acto de presentación da proba deportiva por representantes dos tres grandes patrocinadores da mesma. Julio Oubiña, xerente do hotel rural Quinta de San Amaro, José Manuel Fontán, director comercial da cooperativa vitivinícola Arousana, embotelladora do albariño Rosalía de Castro, e Lourdes Ucha, tenente de alcalde de Meaño, que acudíu en representación do Concello ao atoparse o rexedor, Jorge Domínguez, de viaxe. Xunto a eles, o último gañador masculino da carreira, o pontevedrés José Antonio Ramallo.

Marcos Castro debullou as novidades da vindeira edición da Popular meañesa. A máis salientable, a introducción de tres novas categorías. A de chupetes , para raparigos de ata 4 anos (ata o ano pasado a primeira categoría ía ata os 7), a de féminas de 38 a 44 anos (ata agora a partir dos 38 xa se consideraba a todas as corredoras veteranas), e a de camiñantes , categoría non competitiva pensada para «aquela xente que non queira ou non poida correr». Esta última adquire a condición de oficial, despois de incluírse fóra de programa nas tres últimas edicións.

En total, serán once categorías masculinas e oito femininas, con catro percorridos diferentes. Os chupetes correrán 100 metros, os nenos de 5 a 7 anos 1.200, os de 8 a 13 anos 2,5 quilómetros, e o resto de participantes 6.500 metros.

Os gañadores masculino e feminino voltarán a recibir un ano máis o seu peso en viño albariño Rosalía de Castro, unha fin de semana no Quinta de San Amaro e 300 euros en metálico, así como un trofeo deseñado pola ceramista Mar Barral. E como novidade, a organización agasallaráos con sendas gorras de deseño exclusivo, que a partir deste ano se convertirán no identificativo da Carreira Popular de Meaño.

Ademais, entre os restantes cinco primeiros clasificados, tanto masculinos coma femininos, repartiránse outros 520 euros en metálico, así como diversos premios en forma de estadías hoteleiras. Os segundos e terceiros levaránse tamén a casa sendos trofeos.

Medallas para todos os nenos e nenas e camisolas para os participantes no circuito de 6,5 quilómetros completan a lista de agasallos da Popular de Meaño.

Os interesados en correr a proba poden anotarse ata as 12.30 horas do 13 de setembro a través dos teléfonos 986 747 102 ou 986 747 310, dos faxes 986 747 391 ou 986 748 902, ou ben cun correo electrónico á dirección gam@asociaciongam.org. Na inscrición indicaránse o nome e apelidos do corredor, a súa idade ou data de nacemento, sexo, localidade e concello de procedencia.

A inscrición varía para a categoría de camiñantes , na que só se poderá anotar o mesmo día da carreira, unha hora antes da saída.