Formado na especialidade de canteiría na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago, e estudiante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o cambadés Rubén Arenaz vén de dar un novo paso na súa nacente carreira artística coa súa primeira exposición de fotogramas, xa inaugurada no Bar Tetuán da súa vila.
-O café ou a copa do Tetuán ¿son un complemento ao visionado da súa obra, ou un mero accidente?
-O certo é que estou ocupando o sitio doutro, que non chegou a tempo coas súas obras. Eu tiña a exposición preparada, e aos donos do local quedáronlles as paredes baldeiras. Ofrecéronme o espazo e penso que estarei ata finais de xaneiro. Despois levarei a exposición ao pazo da Pega Moura, en Pontevedra.
-¿Que ofrece na súa exposición?
-Paisaxes. As paisaxes que me atopei nos xardíns da escola de Belas Artes de Irlanda na que estiven tres meses de Erasmus -programa europeo de intercambio de alumnos universitarios-. Quixen xogar coa natureza, coas cores e coas distancias. Hai tamén negativos velados sobre os que dibuxei.
-¿Por que o uso de fotogramas en plena era dixital?
-As miñas anteriores exposicións foron de escultura e de fotografía analóxica. Nunca uso a fotografía dixital. Probeina, e non me gusta. Gústame moito máis o acabado do laboratorio, o traballo coa ampliadora... Eu son de escola de canteiros, de traballar coas mans, non cun ordenador.