Inaugurada en 1888, a estrutura de madeira de «Concha de Arosa» foi todo un símbolo da Vilagarcía irrecuperable
12 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Só un exercicio de absoluta abstracción permite vencellar o edificio que hoxe se chama Balneario cunha verdadeira casa de baños. Porén, en Vilagarcía si houbo un balneario que merecía tal nome. Un intento por recrear unha especie de San Sebastián ao xeito do país. Un establecemento integrado arquitectonicamente no barrio da Prosperidade, esnaquizado a estas alturas por restauracións embrutecidas e agresións urbanísticas de toda pelaxe. Nesta voráxine tamén desapareceu a estrutura de madeira da Concha de Arosa , que xa só existe na memoria e na imaxe fotográfica.
Eran outros tempos aqueles nos que o balneario fora inaugurado. Aquilo aconteceu un domingo, 13 de xullo de 1888, hai 121 anos. A Gaceta de Galicia recolleu, dous días despois, a crónica do acontecido xunto á descrición dun conxunto que o redactor atribúe á iniciativa de Laureano e José Salgado, Manuel Arcena, Augusto Cassó, Manuel Oya e Eudoro Pardo: «Todas las personas que conozcan el puerto saben que después del gran número de casas de moderna construcción que miran al mar por la parte del arenal, hay un gran solar que reclamaba la continuación de la manzana».
Para homes e mulleres
De «estilo chinesco», o edificio artellábase en dúas ás, unha destinada aos homes e a outra ás mulleres. Na banda dereita atopábase o restaurante, amplo e vestido con mesas de mármore. Tamén a cociña, encomendada nos seus inicios a Victorina Méndez Grao. Aló estaba, finalmente, a sala de xogos, con cabaliños e billar romano, un xogo de bolas semellante á petanca.
A Concha de Arosa dispuña de sesenta habitacións, «con jofaina de válvula, espejo y colgadores, pero todo elegante, todo bueno», cuartos de baño quente e un departamento de máquinas dotado dunha máquina de vapor de seis cabalos e un dispositivo eléctrico que facía funcionar unha dínamo de Halpin para dar luz a todo o balneario. A engrenaxe que movía o aparato fora construída nos obradoiros de Alemparte. A á esquerda aínda estaba daquela en construción. Aló estaba previsto un gabinete de lectura, un tocador de señoras e un mirador cunha balconada de recreo. Estas dúas zonas comunicábanse co mar a través de sendas escaleiras.
A parte central estaba conformada por un salón hexagonal e grandes vidreiras que ocupaban todo o ancho do edificio. Neste espazo foi onde a fonda Suíza, de Santiago, serviu unha «espléndida comida para sesenta personas». O menú incluíu ovos, peixe, polo, lagosta e carne. Referidos en francés, ao gusto da época, os pratos presentáronse como oeufs brouillés á la pointe d'asgerges , poisson sauce normande, poularde en galantine truffé, langouste en remo ade e rosbeaf aux champignons, con salchichón de Lyon como entremés e chantilly e pudin de postre. A única referencia galega dos viños foi o Ribeiro. O resto, tintos e champan francés.