Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Rasoeiro inicia un novo proxecto deportivo coa meta do ascenso a Nacional en tres ou catro anos

NOIA

13 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro plantel masculino do Rasoeiro leva xa tres semanas de preparación ás costas. O inusual madrugón do conxunto meco é o punto de partida do novo e ambicioso proxecto deportivo que a directiva de Francisco Pérez, Katelo , ten en mente para o club de referencia do balonmán arousán. Un proxecto que pasa, apunta o propio mandatario, por ascender o Rasoeiro da Primeira Autonómica á Primeira Nacional en tres ou catro anos. O mesmo tempo no que se confía ver o salto do sénior feminino á División de Honra B.

As pretensións dos responsables do Rasoeiro aséntanse, explica Katelo, sobre a base de «contar cunha gran camada de cadetes e xuvenís» que a curto e medio prazo formarán o groso dos dous equipos de referencia da entidade. A eles engadiráselles «algún reforzo puntual» foráneo.

Adeus de Solla, Juanjo e Carlos

Tal é o optimismo de Katelo e compaña que nin sequera o adeus de tres dos puntais do Rasoeiro nos últimos anos os levan a aprazar o anuncio do proxecto de ascensos. E é que na tempada que comezará o vindeiro mes o conxunto grovense non contará con Solla, Carlos nin Juanjo, tres xogadores que dotaban o Rasoeiro de veteranía e de calidade. Os dous primeiros seguirán ligados ao club dentro do corpo técnico. No caso de Solla, coma adestrador de porteiros.

Á marxe dos canteiráns que soben ao primeiro plantel, a directiva tentará suplir as baixas de Solla, de Carlos e de Juanjo con outras tantas fichaxes. Sixto, central/extremo procedente do Artai, é o primeiro destes reforzos.

Para este novo proxecto deportivo, o Rasoeiro conta con cara nova no banquiño do equipo sénior masculino. O pontevedrés Juan Noia substitúe no posto a Jaime García. O elixido, que na súa etapa de xogador colaborou en ata tres ascensos do cadro meco, estreouse a tempada pasada no corpo técnico do Rasoeiro ascendendo o equipo xuvenil á máxima categoría galega, tras curtirse anteriormente nas canteiras do Marín e do Caldense.

Noia adianta que «o noso primeiro reto será pasar o primeiro corte na Liga», accedendo ao grupo de clasificación para a fase de ascenso á Primeira Nacional e eludindo a fase de permanencia. «A marcha dos veteráns complica as cousas», sinala o técnico, que confía na chegada dalgunha fichaxe máis. A directiva busca lateral zurdo e extremo.

Lao Santos, director da base

O Rasoeiro voltará a contar esta tempada con equipos en todas as categorías, cinco masculinos e cinco femininos. Coa fin de reforzar o traballo de canteira o club vén de crear a figura do director técnico da base. Lao Santos, quen fora adestrador do plantel sénior masculino hai dous anos, é o home elixido para desempeñar o cargo.

Quito Parada tómase un ano sabático no club tras acadar coas cadetes o maior éxito da canteira do Rasoeiro, un terceiro posto no Campionato de España.