O Rasoeiro de Juan Noia inicia o cambio xeracional encaixando unha goleada no Grove a mans do Lugo
LUGO CIUDAD
Gañar na súa estrea ligueira antollouse misión imposible para o Rasoeiro de Juan Noia. O conxunto grovense sufríu o pasado sábado nas súas carnes a falta de acoplamento ao novo técnico e, sobre todo, o défice de madureza deportiva da meirande parte do plantel, que este verán sufríu a perda de practicamente todos os seus xogadores veteráns. O cambio xeracional, do que a directiva do Rasoeiro agarda un ascenso á Primeira Nacional no prazo de tres anos, está chamado a darlle nos primeiros compases do camiño máis dun disgusto á afección meca. Sobre todo fronte a un rival pragado de efectivos curtidos en mil batallas e unha medida de altura duns 190 centímetros coma o Lugo. O resultado final, 26-35, non fixo máis ca refrendar os problemas que tivo o Rasoeiro para prantarlle batalla o seu adversario no Monte da Vila. Doce minutos lle durou o cadro arousán ao Lugo, mentres se dedicou a traballar en equipo. Cando os locais comezaron a facer a guerra pola súa conta, mediada a primeira parte, o colectivo visitante puxo xa catro goles de por medio, ampliados ata os seis chegado o descanso: 11-17. E aí se acabou o conto. Na reanudación o Rasoeiro tentou unha tímida reacción, recurtando a súa desvantaxe ata os catro goles en contra. Pero non foi quen de consolidar a recuperación, e no minuto 5 o Lugo íase 13-20, convertendo o resto do partido nun mero trámite. Á marxe da irregularidade do balonmán do Rasoeiro, con fases de bo xogo grupal e outras nas que sufríu as consecuencias do exceso de individualismo, o conxunto grovense padeceu a súa falta de acerto, con tres penaltis e outros tantos contraataques fallados, ademais de varios balóns estrelados na madeira.