O Rasoeiro de Juan Noia desprázase esta tarde ata Vigo para disputar, a partir das seis e media da tarde, o seu segundo partido de Liga da Primeira Autonómica de balonmán. Enfronte, o Samper Sárdoma, un conxunto do que o técnico do cadro grovense apenas ten datos, pero do que agarda un plantel aguerrido.
A escaseza de experiencia dos seus xogadores e o défice de estatura dos mesmos leva a Noia a voltar a pensar en facer un partido o máis dinámico posible, cunha defensa moi centrada que permita saídas rápidas ao contraataque.
Gañar antóllase vital para o Rasoeiro, toda vez que o Sárdoma é o outro equipo que tampouco foi quen de puntuar na xornada inaugural da Liga. A semana pasada, mentres o equipo arousán caía goleado co Lugo, 26-35, o seu rival perdía 32-25 no derbi olívico co Carballal.
Martín, con permiso do club por razóns persoais, é de partida a única baixa nas filas mecas.
Torneo Base de Érguete
Noutra orde de cousas, hoxe, ás once da mañá, Rasoeiro, Teucro e Porriño disputan no Pavillón do Monte da Vila o Torneo de Balonmán Base Cadete Feminino O Grove-Érguete.