Vicente de Souza e Xurxo Mariño presentan o martes en Vilagarcía o primeiro «discurshow» da historia
AROUSA
Hai xa anos que Vicente de Souza -actor e director de escena- e Xurxo Mariño -científico, divulgador e profesor da Universidade da Coruña- comezaron a colaborar. Primeiro foron os cafés teatro científicos cos que ían buscar ao público. Esa experiencia funcionou e entón pensaron que se cadra deberían apostar por chamar eles á xente e que fose esta a que se movese para ver o espectáculo. Esa foi a orixe do primeiro discurshow , que o martes presentarán en Vilagarcía.
Trátase dun espectáculo que dura aproximadamente unha hora e media e que ten por obxectivo «transmitir coñecemento dun xeito atractivo e divertido, mais sen abandonar o rigor».
Na súa primeira edición, o discurshow leva por título Matarratos Darwin . Nel detállanse as anécdotas que normalmente non se contan da viaxe do gran naturalista británico a bordo do Beagle . Moi pouca xente coñece os motivos reais desa viaxe, as anécdotas que xurdiron e as aventuras e desventuras que viviu Darwin. Iso é o que, dun xeito rigoroso, pero á vez divertido, conta esta proposta. Matarratos Darwin chegará o martes a Vilagarcía, en dúas funcións que terán lugar no auditorio. A primeira será ás doce do mediodía, e está dirixida a escolares. A segunda, ás 20.30 horas, está aberta ao público en xeral, novos e maiores. A entrada a ámbalas dúas funcións será libre e de balde.
O concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, invitou onte, durante a presentación do acto, a todos os centros de ensino do contorno a que asistan cos seus alumnos a esta actuación pensada para perderlle un pouco o respecto á ciencia e para conciencialos de que o coñecemento tamén pode ser divertido.
Á presentación desta obra asistiu o actor e director de escena Vicente de Souza, e tamén o representante do Ateneo Mar de Arousa, Jesús Merino, quen indicou que cando souberon que Souza e Mariño puxeran en marcha este espectáculo, cavilaron que terían que traelo a Vilagarcía. Por fin conseguírono e o próximo martes poderase ver no auditorio.
Esta obra naceu sobre todo para institutos. Foi presentada en novembro e está tendo moito éxito. Para o público xeral será a segunda ocasión que se represente. A primeira foi na Domus da Coruña, que rexistrou o primeiro cheo no seu salón de actos.