Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os Ingleses comunicarálle o venres á Federación que renuncia á súa praza en Primeira División Nacional

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

18 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Din que o diñeiro non da a felicidade absoluta, pero que telo axuda moito a poder acercarse a ela. Polo de pronto, no caso dos Ingleses, a falta de cartos acabará en cuestión de horas coa ilusión do primeiro plantel do club vilagarcián de continuar na Primeira División Nacional, a categoría de bronce do rugbi español.

Logo de dúas últimas brillantes tempadas, e agás a aparición sorprendente dun mecenas, o conxunto arousán comunicarálle o venres á Federación Española de Rugbi a súa renuncia oficial a ocupar a praza que lle corresponde na Primeira División. O presidente dos Ingleses, Fito Brea, explicaba onte que «para nosotros no es viable económicamente salir este año en la categoría. El presupuesto de la temporada sería de unos 25.000 euros. Pero el problema es que necesitaríamos reunir ya entre 7.000 y 10.000 euros para arrancar».

Así, Brea sinala que para confirmar a participación na Primeira División Nacional Os Ingleses tería que aboar en cuestión de días os 4.990 euros en concepto de dereitos de inscrición, «y de aquí a septiembre serían otros casi 3.000 para pagar las fichas de los jugadores».

Os responsables do club traballaron durante todo o verán para xuntar os cartos, pero sen éxito, ao non atopar a ninguén dispoto a patrocinar o equipo. De aí a toma de tan difícil decisión. «Ya hemos hablado con el presidente de la Federación Gallega diciéndole que lo más probable era que no saliésemos en Nacional» para facerlle un oco a Os Ingleses na Liga Autonómica, sinala Brea.

Descenso catro anos despois

A medida chega tres semanas despois da publicación do calendario de competición da Liga de Primeira Nacional. Os Ingleses debería iniciar o campionato o 17 de outubro, en Vilagarcía, fronte ao Coreti Lalín. O CRAT Coruña, campión da Liga 2009/10, o Belenos, subcampión, e o Universidad de Oviedo, antigo Cowper, ían ser os outros vellos coñecidos do conxunto arousán, que tamén tiña no seu grupo, o A, aos recén ascendidos das ligas autonómicas Zalaeta (Galicia), Palencia e La Calzada (Gijón).

Tras catro anos de volta na Primeira División Nacional, a ilusión dos homes de Raúl Varela era a de repetir a boa imaxe das dúas últimas tempadas, nas que remataron campións xogando a fase de ascenso, na 2008/09, e terceiros a só 2 puntos do CRAT e do Belenos, na 2009/10.

Fito Brea explicou que o club tampouco quería forzar o paso dos xuvenís de segundo ano do club ao primeiro plantel para cubrir con garantías a necesidade de efectivos dun equipo sen capacidade para fichar fóra de Vilagarcía. As menores esixencias da Liga Autonómica non farán preciso este recurso. Agora o obxectivo pasa por acadar o ascenso de volta á Primeira Nacional, agardando que o vindeiro ano a economía si acompañe.