Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O misterioso mundo da avenoiteira

Xosé M. Rivas

BARBANZA

28 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A avenoiteira cincenta (caprimulgus europaeus) é unha gran descoñecida entre as aves galegas, malia non ser escasa no noso territorio. Os seus hábitos nocturnos, voo silencioso e incrible destreza para mimetizarse co contorno, converten a súa busca en todo un desafío. Nin sequera o seu canto -similar ao croar dunha ra- lle confire o máis mínimo afán de protagonismo.

Talvez ese carácter misterioso faga que sexa branco de falsas crenzas, como aquela que a acusa de chupar o leite dos ubres das cabras (velaí o seu nome en castelán, chotacabras, ou en catalán, enganyapastors); e talvez tamén por iso comparta, con mouchos e curuxas, o dubidoso honor de ser «ave da morte» na mitoloxía galega, ou, o que é o mesmo, portadora das ánimas dos defuntos cara ao máis alá.

Mais o certo é que a avenoiteira nin gusta do leite nin é ave rapaz, senón que segue un réxime estritamente insectívoro. Mostra predilección polos espazos abertos onde pace o gando, nas proximidades dalgún piñeiral. Captura as presas ao voo, valéndose dunha boca enorme que emprega a modo de rede, flanqueada por unhas sedas que funcionan coma órganos sensoriais. Conta, ademais, cun fino oído e cuns ollos dotados para orientarse na escuridade.

Durante o día mantense a salvo de depredadores grazas ao seu manto de camuflaxe, de cor pardo-grisácea, e ao seu costume de permanecer inmóbil en situacións de risco. Ata tal punto confía na súa invisibilidade, que mesmo non fai niño, efectuando a posta nun buraquiño sobre o chan.

O dimorfismo sexual non é moi acentuado nesta especie: só unhas poucas manchas brancas en ás e rabo distinguen os machos das femias. Pódese confundir a súa silueta no aire coa do cuco, pero, pola forma errática que ten de voar na procura de insectos, aseméllase máis a unha gran andoriña.

En España, a avenoiteira cincenta é ave estacional. Chega á península en primavera e abandónaa a comezos do outono.

Migracións

O momento máis delicado na vida dunha avenoiteira coincide coa época das migracións. A miúdo son vítimas de atropelos por escolleren as estradas coma puntos de descanso nos seus periplos de norte a sur. Así o constatamos recentemente, co achado dun exemplar en apuros no vial de acceso á Curota.

O protocolo de actuación nestes casos é moi sinxelo. Primeiro, hai que cubrir o animal cunha tea para poder manipulalo sen causar feridas. Introdúcese nunha caixa de cartón e deposítase nun lugar tranquilo. O seguinte paso é chamar a un centro de recuperación da fauna salvaxe.

Aos poucos días, a nosa protagonista reiniciaba o rumbo cara a terras africanas. Unha desorientación provocada polo cambio climático puido motivar o seu estraño comportamento.

Sexa como fose, cómpre lembrar que non todas as historias de índole migratoria rematan con este final feliz.