Fidel Vidal Pérez naceu en 1942 á beira do mar, no barrio do Castelo de Ribeira, na mesma lonxa, como un produto do mar. Encetou a súa vida de estudante no colexio do Pilar de Ribeira e non esquece cando ía examinarse á cidade do Lérez. «Colliamos o vapor a Vilagarcía, despois o tren a Pontevedra, e alí estabamos tres días para superarmos os exames».
Debeu de ser por esta época cando agromou a súa afección pictórica. «Eu sempre quixen ser artista. Xa no colexio o que máis me gustaba eran as clases de debuxo. Xunto a Xoán Fernández e outros amigos faciamos os carteis para a festa da Dorna; daquela puñan os orixinais nos bares».
Despois de facer o Preu na Coruña foi estudar Medicina a Compostela e especializouse en Psiquiatría e Neurofisioloxía Clínica. Veu despois un ano de aprendizaxe no psiquiátrico de Toén, tres no País Vasco, un en Ribeira de médico xeral e o resto na Coruña, cidade na que aínda pon consulta e na que impartiu docencia durante máis de trinta anos na Escola Universitaria como profesor de Ciencias Psicosociais e de Enfermería Psiquiátrica.
Á parte da súa vida profesional de psiquiatra, Fidel Vidal ten desenvolvido un intenso labor intelectual que o configura como un artista múltiple. Pintor recoñecido, ten exposto, amais de en Galiza, en diversas cidades do mundo como Madrid, Barcelona, Oslo, Ontario, Seattle, Florianópolis ou Milán, e ten colaborado en publicacións como Mani Art (Francia), Art-Life (USA), De Segni di Sogni (Italia), Copy-Left (Suíza) ou Leopold Bloom (Hungría).
Como poeta deu ao prelo libros interesantes como A Camelia oxidada, mesmo obtivo como narrador o premio Hora XXV coa novela curta La sapa.
Na súa faceta de ensaísta leva anos atendendo non só a psiquiatría senón tamén unha diversidade temática nas que salientan Anatomía da emoción poética e o seu máis alto exemplo, que é o último libro publicado, Arte na esquizofrenia e outros excesos, un volume que está a apañar excelentes críticas no noso país pola súa aguda reflexión sobre unha morea que temas relacionados coa arte.
Pertence tamén este ribeirán ilustrado á Asociación Galega de Saúde Mental e foi cofundador de Edicións do Rueiro e da revista Man Común.