Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Quizais», de Fidel Vidal

Antonio Piñeiro

TRAZO

31 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

CRÍTICA

Sobre o mantel azul dos días pasa o trazo errático e apertado da vida. O ser que se resume en ires, pegadas, tempos, cifras, díxitos, sombras, notas, xestos; no trazo escuro e fugaz dos xestos. O ser que se agarra, que rabuña a tea ruda e vella do tempo.

Hai un algo que evanece perpetuamente na pintura de Fidel Vidal, no azul crebado e clarificado, azul agretado, chuvioso, azul de ceo irreal; un algo que anuncia ou pronuncia movemento, caída; un algo desnivelado, coma unha cadeira á que faltase unha pata, que a vemos aí, pero sabemos que vai ceder, que vai inclinarse. É a propia dúbida, a busca, a eternizada pregunta do humano.

Fidel Vidal, ourífice do trazo breve, quere ver, facer visible o impulso, a ánima, a pulsión do ser, a mudanza que ten lugar entre un momento e o seguinte; ou a diverxencia/converxencia entre dous seres que son nun momento mesmo. Trazo errático, coma a canle dun soño, dunha fantasía, que é quizais a forma, o amorfismo, no que Fidel prefire ver as cousas. Unha vibranza de músicas colorais; percusión de pinceis, lapiseiros, xices, sobre a membrana ben tensionada dun azul puro. A propia til amarela ou vermella que abrocha, aquí e aló brevemente, salpicada entre o fraseo azul, é un latexo inverso, un ritmo ocluído, unha elipse que non fai senón devolvernos ao ritmo fondo, perenne, humano, do tema.

A realidade é a primeira das nosas distorsións, dixo alguén, algunha vez; e quizais Fidel teña tamén tomado esa máxima. ¿Cal é a realidade do pintor? ¿Cal das realidades? Lévase escrito moito xa. Pero o asombroso da arte é isto: que sempre vai por diante do escrito, do pensable, do explicable. Dende a súa platea azul, onde andan, xuntos e vagarosos, trazos, xestos, latexos, pensamentos, lévanos Fidel ata o escenario grande da arte, o da sensación, a intuición, o improviso, a creación. E dende a creación devólvenos á súa certeza, ao seu inestático título: Quizais. A obra apareceu conxuntamente cun poema seu, ambos baixo este mesmo epígrafe, no entrañable, magnífico e fundacional Voces na materia , primeiro volume e froito da colaboración dos artistas do movemento Barbantia, en 2006. Xa vai chovendo algo.

Busca, Fidel, nese «xogo interminable de equilibrios» (é un dos seus versos). Laiovento sacaba non hai moito o seu ensaio sobre a inxerencia dos estados mentais no proceso creativo. Recordoume aquel famoso álbum comentado dos anos sesenta, que incluía ao noso obsesivo, paradigmático, desexado e hoxe tan caro, en todos os sentidos, Vincent, que tamén el cita a propósito do seu traballo. Hai unha liña sutil, si, pero non entre o desquicio e a arte, senón máis entre a vida e o desquicio, entre a diversidade de percepcións, a percepción e a vida. O ser humano sempre tivo algo de desquiciado, afirmaba.