Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Fidel Vidal deu unha lección de arte e psiquiatría en Ribeira

BARBANZA

02 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A presentación do libro A arte na esquizofrenia e outros excesos , do que é autor o ribeirense Fidel Vidal e que tivo no lugar no Ateneo Valle-Inclán, baixo o amparo da Asociación Cultural Barbantia, converteuse nun ameno debate no que o volume case pasou a un segundo plano e o escritor asumiu todo o protagonismo falando do arte e da súa profesión.

En realidade, a súa creación engloba as súas tres ocupacións: a psiquiatría e a pintura, nos contidos, e a literatura, que se evidencia na escrita da propia publicación.

Ao longo da súa intervención, animado ou impulsado polas preguntas de Xosé Ricardo Losada e Gonzalo Trasbach Paz, os dous filósofos, Fidel Vidal tivo tempo de explicar as diferentes partes de A arte na esquizofrenia e outros excesos así como o obxectivo da abundancia de citas que ten a obra, pero deixou no ambiente interesantes conclusións que axudaron a reflexionar aos presentes.

Vidal foi crítico coa arte contextual, que cínguese a desprazar obxectos da vida cotiá e poñelos nos museos, que se queda co pedestal en vez da obra que está encima. Explicou a súa visión da pintura como un acto de liberdade, «a arte polo amor á arte», e como tal «non ten prezo».

Medo ás palabras

O ribeirense sinalou que non ten medo ás palabras ao referirse ao falar de manicomios: «Estes nomes, como tolo e outros, foron eliminados porque se empregaron como insultos. O que evidencia o cinismo da sociedade que agora os retira da fala».

Un Fidel sen complexos referiuse á estrutura social actual sinalando que non é o máis adecuado apostar polo traballo dos dous cónxuxes, e que serán os fillos os que o paguen: «Agora xa hai garderías a partires dos cero anos. Ou sexa, das garderías á escola, aos colexios e ás aulas da terceira idade», espetou nunha progresión moi gráfica que o público agradeceu.