Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os fósiles da mente

X. Ricardo Losada

BARBANZA

19 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

ENSAIO

«ARTE NA ESQUIZOFRENIA E OUTROS EXCESOS»

Fidel Vidal. Edicións Laiovento (2008). 135 páxinas.

Di o premio nobel Gao Xingjian que «moitas persoas deambulan pola fronteira, intentando expresar algo que non chegamos a entender completamente...». Fidel Vidal é psiquiatra e artista e está habituado a tratar con persoas así. Tamén como escritor e lector, as súas paixóns móvense entre filósofos e creadores que, como dicía Rush dos esquizofrénicos, fan saltar polos aires as capas tectónicas petrificadas do espírito civilizado, poñendo ao descuberto todo un potencial arcaico de valiosos fósiles.

Arte na esquizofrenia e outros excesos componse de sete ensaios fronteirizos, unificados por un mesmo afán. Mostrar eses fósiles en diferentes ámbitos da vida cotiá. A enfermidade mental. A sedución. Internet. A cultura de masas. A mirada. O poder. A arte. O tempo. A familia. O cine. A poesía.

Fidel Vidal reflexiona sobre a existencia humana a partir dunha análise fenomenolóxica repleta de citas e referencias culturais. Pero sabe acadar a atención do lector medio con tres recursos que dosifica con destreza. Un ton humano, alleo a ese reducionismo farmacolóxico tan de moda na súa profesión; unha tolerancia dialéctica ao servizo das diferentes teorías; e, moi ao estilo de Montaigne, unha reflexión que só é vizosa porque nace da propia experiencia persoal.

Arte na esquizofrenia e outros excesos é un libro plural, fragmentario, sempre aberto, que respecta, desorientándoa, a intelixencia do lector.