A medida que se achega a Semana Santa os concellos e confrarías dan a coñecer os programas de actividades
28 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A falta de dez días para que comecen os días fortes da Semana Santa, os concellos e confrarías relixiosas da comarca apuran a facer públicos os actos litúrxicos que encherán as rúas barbancesas nesas datas. Os últimos en facelo foron os de Porto do Son e os da Pobra do Caramiñal.
No centro de interpretación do Castro de Baroña, o irmán maior da confraría da Paixón, Juan Pérez, acompañado polo rexedor, Manuel Tomé, e polo cronista da vila, Manuel Mariño, anunciou que o pistoletazo de saída da Semana Santa sonense terá lugar o 3 de abril coa procesión da Virxe das Dores, que partirá da igrexa parroquial ás 19.30 horas. Ademais, o 5 de abril, ás 11.15 horas, celebrarase o domingo de ramos, que este ano sairá da Praza de España. Os actos litúrxicos continuarán o martes, co paso do Vía Crucis, que partirá ás 22.00 horas da capela da Atalaia, e o Xoves Santo, día no que a procesión do Eccehomo encherá de fieis as rúas de Porto do Son.
Antes de que a Semana Santa chegue ao seu fin, a irmandade da Paixón ten preparado para o Venres Santo tres actos máis. O primeiro deles é o do Santo Encontro, que se celebrará na praza de España; xa pola tarde, terá lugar a procesión do Santo Enterro e, ao caer a noite, o desfile da Virxe da Soedade será o encargado de pechar a programación sonense.
Pola súa banda, na Pobra, a presidenta da irmandade da Virgen de la Soledad, o concelleiro de festexos, Andrés Millán, e a presidenta da confraría Santa María Antigua foron os encargados de presentar o programa de actos. Na vila pobrense, os festexos arrancarán o sábado de Paixón coa imposición dos distintivos aos novos confrades e a lectura do pregón, que correrá a cargo do canónigo da catedral de Santiago de Compostela. Será ás 20.00 horas na igrexa de Santa María a Antiga.
Uns días máis tarde as imaxes dos santos tomarán as rúas, sendo a primeira en saír a Virxe das Dores, que percorrerá a localidade o venres ás 21.00 horas. Isto será só o comezo, posto que o domingo, ás 11.00 e ás 12.00 horas, respectivamente, os ramos e a borriquiña serán os protagonistas nas parroquias do Caramiñal e A Pobra do Deán. Na noite do mércores o Vía Crucis será o acto central, ao igual que o serán o xoves e o venres o Bico de Xudas e a procesión dos Caladiños.