Representantes da comunidade educativa de centros públicos e concertados dos catro municipios barbanceses manifestaron o seu rexeitamento ao borrador do decreto do galego por considerar que constitúe un retroceso no fomento e protección da lingua autóctona.
A postura de docentes, alumnos e asociacións de pais de infantil, primaria e secundaria foi expresada nun acto celebrado a noite do mércores no instituto Número Un a instancias da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Representantes da coordinadora subliñaron que nos últimos meses tiveron multitude de queixas e preguntas relativas ás pretensións da Consellería de Educación. Por este motivo, o equipo quixo que foran directamente os implicados no ensino os que ofreceran «o sentir maioritario da comunidade educativa do Barbanza». No acto interviñeron membros de diversos colectivos, que falaron dos prexuízos que, baixo o seu punto de vista, implica o borrador do galego. Dende a coordinadora comentouse que os participantes indicaron que a proposta da Xunta é «un retroceso do galego por primeira vez desde que temos democracia, obviando toda a lexislación vixente, incluído o Estatuto de Autonomía, que obriga ao Goberno galego a protexer e fomentar a nosa lingua».
Desigualdade
Ao mesmo tempo, incidiuse no feito de que o galego está en desigualdade co castelán e que «só a través dunha presenza ampla no ensino, cun mínimo do 50% nas materias, se pode ir cara un maior equilibrio».
Tanto a coordinadora como os docentes e as entidades de pais consideran que o modelo proposto provocará un fracaso escolar aínda maior que o actual. Considérase que o inglés utilízase como «coartada para facer retroceder o galego». Neste sentido, un representante da coordinadora comentou onte que a propia Consellería de Educación deu un paso atrás no seu intento de que diversas materias se impartisen en inglés, xa que nin hai docentes preparados para aplicar este método nin existe unha base por parte do alumnado para que sexa posible. Os asistentes ao acto promovido en Ribeira pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística manifestaron non só o rexeitamento ao borrador, senón tamén o seu desexo de continuar como até agora, xa que non tiveron ningún problema coa actual situación. Deste xeito, a coordinadora quixo facer público o posicionamento da comunidade educativa. Durante os últimos meses celebráronse diversas xuntanzas en cada un dos municipios nos que os diversos representantes expuxeron o seu posicionamento con respecto aos cambios que en materia lingüística pretende aplicar o actual Goberno de Galicia.