Sempre tiven unha inquedanza especial por consumir produtos alimenticios de calidade, e non só por sibaritismo, senón baseadamente pola saúde. Somos o que comemos.
Veño seguindo os artigos destes derradeiros días de Xoán Ramón Alvite neste xornal sobre a visita de trinta gandeiros a Francia para coñecer o que alí se fai coa finalidade de analizar a viabilidade das explotacións agropecuarias en Galicia, un sector que considero transcendental para o desenvolvemento sostible da economía galega, como ben saben os que me len. Do publicado subliño as seguintes reseñas.
Os gandeiros franceses, diante do problema de situar no mercado soamente leite de xeito rendible, optaron pola diversificación e o asociacionismo, dedicándose tamén a producir carne de becerro, patos, porcos, ovos, galos, etcétera, baixo un lema que chaman a tripla C, confianza, calidade e continuidade. Gran acerto.
Outro acerto é que os produtores deben enfocar o seu traballo máis cara o consumidor que cara a industria e, por iso, entenden que a venda directa, algo semellante a como facía a nosa leiteira Lola do Campiño pobrense, pero en moderno, abre unha das canles máis interesantes para facerlle a puñeta aos intermediarios. O problema disto está en rachar as presións que os grupos empresariais e gremiais fan nas Administracións que, nesta dicotomía, terán que decantarse se están a favor ou en contra dos campesiños e dos consumidores ou dos especuladores.
Outra das ferramentas coas que xa xogan algúns agricultores franceses é con Internet. Compartindo a ilusión do gandeiro Jesús Casais de Olveira, acuñemos un lema trilingüe para colgar na rede, «directamente do agro galego ao teu conxelador», aproveitando os novos retos publicitarios de You Tube, un medio barato, universal e didáctico, conxugado coas posibilidades que ofrece a cadea do frío na distribución alimentaria.
Agora ben, para afrontar os retos do agro galego non abonda coa boa vontade que se lle supón á entidade Fonteboa de Coristanco, senón que fan falla amplas políticas de formación e capacitación agropecuaria por parte da Xunta, así como o deseño dunha lexislación valente no eido rural. Se, como dicían os gregos, o universo xurdiu do caos, canto máis doado non será arranxar Galicia.