A camelia brillou no Son

BARBANZA

Vinte cultivadores participaron nas xornadas Ría de Noia, nas que Begoña Franco recibiu outro premio

09 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Porto do Son deixouse seducir o pasado fin de semana pola camelia e, sen dúbida, conseguiuno. A través dunha vintena de expositores, numerosas persoas tiveron ocasión de ver de cerca unha longa lista de variedades da flor raíña dos pazos e dos xardíns públicos de Galicia no marco das xornadas Ría de Noia.

Aínda que nun principio se inscribiran catorce cultivadores, finalmente foron 19 as mesas que se montaron na casa de cultura sonense. A maior parte delas, de persoas afeccionadas á camelia, pero tamén se sumaron á exposición a Deputación de Pontevedra e o Concello de Porto do Son, que expuxo ata trinta variedades diferentes da flor.

Triunfou, como soe ser habitual nestas citas, a especie xapónica , posto que é a máis habitual en Galicia; pero os exemplares que máis chamaron a atención do público foron os da camelia amarela nitidissima , moi vistosa. Tamén foi obxecto de atención de moitas miradas a yusishimenfis , unha flora branca que destaca polo intenso perfume que desprende.

Catro galardóns

Os cultivadores que participaron nesta edición das xornadas Ría de Noia puxéronllo bastante difícil aos membros do xurado, que finalmente outorgou catro premios. O galardón á mellor mesa foi a parar ás mans da coleccionista Begoña Franco e do seu home José Torres. Da composición de flores que expuxo en Porto do Son, a boirense destacou unha especie, a higo : «É unha camelia que vai dar moito que falar, porque é unha das flores máis apreciadas en Xapón, xa que antigamente só podían vela os samurais».

Tamén obtiveron premios Manuela Couso, por un centro formado por nove flores; Carmen Corral, por un exemplar de variedade amarela que presentou na mostra; e Fátima Rey, por un conxunto de camelias en miniatura.

Aínda que non existe un cálculo das persoas que ao longo dos dous días pasaron pola exposición, o concelleiro de Turismo sonense, Joaquín Chouza, destacou que foron moitas, tantas que incluso chegaron a superar as previsións dos organizadores.

En lembranza destas xornadas, Chouza e máis o alcalde, Xoán Pastor Rodríguez, plantaron unha camelia nos xardíns da casa de cultura. Contaron coa axuda do cultivador boirense José Torres.