No 2003, Santiago Freire puxo fin a 24 anos de mandatos socialistas no seu concello e dende entón busca recuperar os acenos de identidade do municipio
11 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Chama a atención que a casa consistorial de Lousame estea na aldea de Portobravo. É un dos poucos concellos da comarca que non ten acceso ao mar, aínda que Noia, no século XIX e nos anos setenta do XX, quixo darlle esa oportunidade a través dunha fusión non paritaria. Os veciños negáronse. Así Lousame é un termo entre Noia e Boiro con preto de 3.800 habitantes que miran cara Toxosoutos cando queren falar de historia, e cara San Fins cando o fan de desenvolvemento industrial. Se, polo contrario, interesa a gastronomía, o carneiro é un dos pratos máis sorprendentes.
O seu alcalde é José Santiago Freire Abeijón, de 42 anos de idade. É natural de Carantoña, na parroquia de Tállara. Exerce o cargo, polo PP, desde hai sete anos. Está casado cunha madrileña, filla dun militar que veu destinado ao EVA 10. Teñen dous fillos. Freire é veterinario pola Facultade de León. Previamente fixera o bacharelato no instituto de Noia.
-Antes de exercer como funcionario estivo de director dunha clínica veterinaria. Cóntenos esta experiencia.
-Foi dura, pero rica. Non eras dono de horas nin de días. Sabías cando entrabas, pero nunca eras consciente da saída. Tivemos a oportunidade de crear un hospital, polo que o traballo apuraba. Atendías urxencias veterinarias, accidentes, cesáreas, etcétera, centrándote con dedicación en detrimento da familia e das actividades de lecer. Grande erro. A partir de finais do ano 1999 e principios do 2000 empecei a colaborar coa Xunta a raíz da crise das vacas tolas e decidín opositar, acadando a praza de inspector de Saúde Pública, polo que renunciei a seguir na actividade privada. -Suponse que sendo funcionario sobraríalle tempo e decide meterse na política? -Decidimos presentarnos no 2003 e conseguimos a alcaldía. Creo que máis que como consecuencia do traballo do candidato foi polo grupo en si. Estaba conformado por persoas que nunca tivéramos experiencia en política. O alcalde, que era do PSOE, levaba gobernando 24 anos e o BNG era a segunda forza. Conseguimos darlle a volta á tortilla e agora a corporación está constituída por 8 concelleiros do PP, 2 do PSOE e 1 do BNG. -Mirei nalgún sitio que se definía como liberal-conservador. ¿Iso que é? -Son contrario aos fanatismos e aos radicalismos, tanto nunha dirección como noutra. Sempre fun un admirador do pensamento de Adolfo Suárez e, despois, de Manuel Fraga cando era líder da oposición. Isto foi o que me axudou a inclinarme polo PP. Cando falamos de liberal conservador estamos a falar en política desde unha perspectiva económica onde entran en xogos idearios liberais: respecto pola propiedade privada e libre mercado; nese senso eu son liberal. Conservador é porque, a diferenza doutros partidos máis aperturistas, gústannos as tradicións. Eu definiríame como unha persoa de centro-dereita. Máis, incluso, cara ao centro que á dereita. -Din de vostede que é un valor en alza no PP. -Me alaga escoitar isto. Teño certo protagonismo na executiva provincial e son membro da rexional, pero entendo isto como un reflexo dos resultados electorais. Pode acontecer, tamén, que tratamos de implicarnos con ideas innovadoras, co esforzo que implica unha posición así. Pero somos humildes e queremos seguir cos pés no chan, así que, como conclusión, dicirlle que iso de ser un valor en alza non o teño nada claro. -¿Non será vostede desa idea que as persoas que chegan a unha certa idade na política se debe prescindir delas? -En política a experiencia é fundamental. Gústame poñer o exemplo que me colocaría antes nas mans dun cirurxián con trinta anos de experiencia que nas doutro que acabase de chegar. Pero entendo que a política debe ter unha renovación permanente. A ilusión e o estímulo que tés cando empezas é moito maior que cando un xa está de volta e media de todo. A clave está en que todos os partidos teñen que apostar por unha renovación. -¿Quere dicir que non vai estar 24 anos de alcalde? -Iso está clarísimo. Non sei si estarei un mandato máis. Non quero dicir que abandone a actividade política e que non poida estar noutros lugares, pero como alcalde non estarei o tempo do meu predecesor. Dous, tres mandatos é un tempo razoable. A clave está en rodearte dun equipo que che poida relevar e aportar cousas. Son funcionario e teño a posibilidade de incorporarme á miña praza. De feito non estiven exercendo a actividade pública en exclusiva ata hai só uns meses. Os políticos que se aferran ao cargo se cadra o fan porque non teñen outra actividade que desenvolver.