Como bo sonense, Luis Oujo tarda pouco en sacar a relucir un asunto que preocupa a moitos veciños e que a cotío está na boca dos políticos locais: a necesidade de poñer o municipio no mapa das novas comunicacións viarias da bisbarra.
-Fale das infraestruturas viarias no municipio...
-Temos unha necesidade enorme de que se melloren. É que non é que se diga por aí que O Son queda illado, é que esa é a verdade. No futuro, Noia terá unha autovía e unha variante e Barbanza conta tamén cunha vía de alta capacidade. En cambio, nós non temos acceso directo nin a unha nin á outra.
-Ese é un problema, sobre todo na época estival...
-Imos ter retencións e retencións, o que agora pasa en Noia trasladarase aquí. Non é de recibo esta situación.