O Son ofrece música da terra e a presenza de Xurxo Souto para celebrar o festivo máis cultural do ano
BARBANZA
Os concelleiros Xoán León e Ánxela Franco foron os encargados de presentar, onte, a festa da xuventude que terá lugar mañá, na véspera do Día das Letras Galegas. Trátase dun festival cun nome ben acaído. Non en van, deixa claras as intencións: O Son en galego.
¿Cal é a proposta? Lonxe da imaxe das últimas romarías para a mocidade, e tratándose da festividade das Letras Galegas, o que se ofrece é música da terra. Concretamente, da comarca barbancesa. Deste xeito, os primeiros en saltar ao escenario serán Os Mordecans; un grupo local que fixo cantar a toda Galicia iso de «son, son, son de Porto do Son». Despois deles, subiranse á palestra outros músicos ben coñecidos na zona. Trátase de O Som do Galpom; una formación cunha proxección importante.
A actuación musical vaise aderezar coa presenza dun rostro ben coñecido e recoñecido. Trátase de Xurxo Souto, ex compoñente dos Diplomáticos de Monte Alto e unha persoa moi ligada ao xornalismo e á defensa da música galega. Segundo explicou onte Xoán León, Souto vai facer de presentador. Ao parecer, en canto lle explicaron a iniciativa, aceptou a proposta e garantiu que «será un éxito».
Iso é polo menos o que espera o Concello, que invitou a todos os veciños a gozar destas dúas formacións musicais e, de paso, festexar as Letras Galegas.
A cita será ás once da noite nos xardíns portuarios, é dicir, na zona da fachada marítima que está máis pegada á estrada de Noia.