Nomes, lugares, datos saen na conversa. Francisco Olveira ten na súa cabeza as distintas formacións, músicos e vocalistas de Barbanza. As agrupacións marcaron unha época nos bailes que se facían polos lugares da bisbarra, nos que moitas parellas se coñeceron e formaron familias. Esta biblioteca andante debería ser obxecto dunha ampla gravación na que se recollese a súa memoria e a dunha banda a piques de cumprir os cen anos da súa fundación.
-¿Lembra canto cobraban por unha actuación?
-Estamos a falar de finais dos anos sesenta e principio dos setenta, o caché era de entre catro e cinco mil pesetas nos bailes, e entre oito e dez mil nas festas. -¿Compensaba? -Daquela, si. Se cadra máis que hoxe. É certo que era moi escrava esa vida. Tiñas que andar montando e desmontando altofalantes, subirte a campanarios, etcétera, pero gañabas diñeiro. Hoxe este mundo cambiou. Trabállase doutra maneira e parece ser que case todos os cartos os leva o axente. -¿Cambiou moito o mundo desde que vostede o coñece? -O da música, bastante. As bandas perderon presenza na nosa comarca. As festas parroquiais contratan máis a gaiteiros que a bandas, como antes acontecía. Xa non se fan os pasarrúas con elas. A excepción témola na provincia de Pontevedra, onde se seguen a respectar estas formacións. -Home, na Coruña tamén temos boas bandas, senón fíxese na de Santa Cruz de Ribadulla. -Boa banda, si señor. Tamén temos as de Santiago e A Coruña, pero refírome ás populares que andamos por aquí amosando a nosa afección e cariño pola música. -¿Cantos rapaces están hoxe na Banda de Música de Caamaño? -Somos 25. Todos aprendidos por min. Son case tantas mulleres como homes. -¿Que diferenza hai entre un neno de agora e un de outra época para aprender música? -Son tan listos uns como os outros. Pero as mulleres son máis estables que os rapaces, e tamén máis atentas para o ensaio. Pero non deberían de fumar. Isto é o único que me parece mal.