O responsable afirma que o seminario foi un éxito. No 2011 cumpre dez anos e podería dedicarse á Prehistoria
14 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Manuel Mariño é o director das Xornadas de Historia e Cultura de Porto do Son, que veñen de rematar. El foi un dos impulsores desta iniciativa, que cumpriu xa as nove edicións.
-¿Que impresión xeral leva destas xornadas?
-Foi conforme ao que esperabamos, e cumprimos todas as expectativas. Tanto as visitas como as conferencias tiveron moito éxito.
-¿Cantos participaron?
-A matrícula foi altísima, con 85 persoas, a máis elevada dos últimos anos. Houbo un pouco de todo, desde estudantes, traballadores, novos e maiores. Nunha das visitas chegou a haber xente desde un 1 ano ata os 86.
-¿Por que escolleron o tema da emigración?
-Era un asunto que nos gustaba aos organizadores. Ademais, o ano pasado, cando remataron as xornadas fixemos unha enquisa entre os asistentes, e estes apoiaron que este ano se tratase a emigración.
-¿En que aspectos deste fenómeno social se incidiu?
-A nivel xeral, tratáronse todos os polos. Porén, botei en falta non contar cunha experiencia persoal, contada en primeira persoa por un emigrante. Contamos coa presenza dun veciño de Porto do Son que emigrou a Arxentina, pero non narrou esa viaxe en barco, que duraba vinte ou trinta días. O que si nos relatou este home foi que, cando chegou a América, nunha explosión de ledicia por chegar a terra, tirou o colchón ao mar. Á marxe disto, falouse da emigración dos antepasados, dos próximos e hoxe en día; e desde o punto de vista da muller, familiar, social, musical e literario.
-¿Como foron as visitas?
-Non tiñan moito que ver coa emigración, pero serviron de intercambio cultural, pois había veciños da zona e de lugares como o País Vasco, Arxentina ou Uruguai, turistas e emigrantes.
-¿Teñen pensado o tema para o ano que vén?
-A próxima edición será un pouco especial, porque cumprimos o décimo aniversario. Así que nos gustaría volver ás orixes. A idea é falar da Prehistoria, cun monográfico por día, sobre os castros, mámoas, petróglifos... Ademais, isto daría moito xogo, porque se poderían facer visitas moi interesantes pola zona relacionadas co asunto. Pero aínda non está decidido se finalmente vai ser este o tema.
-¿Que outros asuntos lle gustaría tratar?
-Non pensamos en ningún máis porque non traballamos a longo prazo, senón dun ano para outro. Aínda que temos varias propostas que nos van chegando, como facer un monográfico da época castrexa ou sobre a Historia antiga.
-Esta xa é unha cita consolidada.
-Estamos moi contentos, e xa somos moitos os habituais que nos atopamos cada ano. Hai unhas cinco persoas que levan vindo todos os anos desde a primeira edición. É unha forma de fomentar a cultura sonense e barbanzana.