Parada recoméndalle aos barbanceses que desexen iniciarse no mundo das setas recorrer a unha asociación ou acudir ás sesións do Ateneo de Ribeira
06 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que pode dicirse que é un auténtico especialista no eido micolóxico, Jesús Manuel Parada (Ribeira, 1978) segue a ver o mundo das setas con certo receo, pois é consciente do perigo que entraña, sobre todo para aqueles que practiquen a recolección sen informarse da man de expertos. De feito, el decidiu fundar a asociación Refungando para orientar aos veciños que desexen iniciarse nesta materia.
-¿Como foi o seu primeiro contacto coa micoloxía?
-Sempre me gustou a natureza e levaba tempo buscando a alguén que me puidera axudar a introducirme no mundo das setas. Hai uns sete anos, uns amigos ensináronme varias especies e, ao pouco tempo, quedáronse se cousas que amosarme, polo que tiven que informarme por min mesmo.
-¿É vostede entón algo autodidacta nesta materia?
-Na micoloxía, ser autodidacta é complicado e moi perigoso. Un non pode andar xogando, pois hai especies que son mortais. Eu inicieime cuns amigos e logo formeime mediante libros, charlas e saídas guiadas. O feito de que eu tardara tanto tempo en atopar a alguén que me introducira neste mundo foi o que me impulsou a crear a asociación Refungando, para que a xente teña a onde acudir.
-O colectivo naceu no 2009, ¿que balance fai deste primeiro ano de vida?
-O noso medio divulgativo máis importante é a páxina web, que en agosto e setembro recibiu unhas mil visitas mensuais. Tendo en conta que se trata dun portal especializado en micoloxía e en galego, son cifras que están moi ben.
-O luns arrancaron no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira os luns micolóxicos de Refungando, ¿como foi a primeira xornada?
-Moi ben. Tivemos os primeiros visitantes, que nos trouxeron cogomelos moi curiosos, algúns dos cales nunca os atopáramos por aquí, así que pode facerse un balance moi positivo.
-¿Pode dicirse entón que a tempada de setas está oficialmente inaugurada?
-Si, os chaparróns das últimas xornadas foron o pistoletazo de saída e, se a chuvia segue, o monte estará dentro duns días repleto de setas. Sen ir máis lonxe, eu fixen o luns unha pequena saída e xa atopei seis ou sete especies distintas, entre elas, algunhas das máis prezadas na cociña, como os champiñóns e os boletus.
-¿Que recomendacións lle fai a alguén que queira iniciarse neste mundo?
-O primeiro, que se poña en contacto cunha asociación para recibir asesoramento. Hai moita xente que pensa que sabe do tema e non é así. Isto é perigoso e un nunca se debe fiar. Nesta época soe haber moitas charlas e xornadas que se poden aproveitar.
-¿Cales son as mellores zonas para recoller setas en Barbanza?
-A Curota foi un paraíso, pero coas cortas indiscriminadas e cos incendios quedou esquilmada. Por sorte, aínda sobreviven o monte Enxa e Iroite.
-¿Fai desfeitas no monte a xente que vai na procura de setas?
-Si. Nós de feito temos en marcha unha campaña para concienciar aos veciños da importancia que ten ser coidadoso á hora de coller as setas. Hai que deixar os exemplares máis grandes para que esporen e se reproduzan e tamén os pequenos, para que cheguen a grandes.
-¿Que actividades prepara Refungando?
-O primeiro fin de semana de novembro teremos unhas xornadas, pero antes, o día 16, haberá unha conferencia de José Manuel Castro Marcote no Cielga.