María Teresa Pérez chegou a Cáritas hai vinte anos, despois de traballar como catequista. Pasou un tempo como voluntaria e desde hai máis dunha década dirixe esta entidade en Ribeira. A principios de ano celebrouse unha asemblea porque ela quería deixar o seu cargo, pero non se presentou ninguén, así que continúa como directora en funcións.
-¿Por que quere deixalo?
-Non vou deixar Cáritas, pero creo que pasados uns anos un vense acomodando, por iso precisamos xente nova. Seguirei aquí, axudando no roupeiro e no que faga falla, coma sempre, porque non podo parar e débome á miña comunidade.
-¿Que lle gusta máis de realizar este traballo?
-O contacto coa xente, aínda que eu son moi dura e esixente. Pero aquí axudamos a todos, non facemos distinción por relixión. A veces vemos casos sangrantes, e o peor é que non podemos chegar a todos. Tamén me dá moita rabia ver que hai xente que se acomoda á vida que leva e non busca traballo.
-¿Fan moitos controis?
-Hai anos puxemos en marcha os microcréditos, pero algúns non os devolven e iso vai en detrimento de todos. Ademais, as colectas na igrexa levan moito tempo sen subir. De feito, recádase o mesmo que hai cinco anos. Só aumentaron os donativos anónimos, o número de socios mantense. Por iso debemos ter moito control sobre as persoas ás que lles damos axuda. Os fondos temos que deixalos para casos urxentes, como desafiuzamentos.
-¿Cambiou moito Cáritas nos últimos anos?
-As necesidades son as mesmas, pero aumentaron moitísimo. A crise influíu demasiado, sobre todo porque había moitos que dependían da construción, entre eles, algúns inmigrantes ilegais que agora se ven en grandes apuros. Precísase moita axuda, por iso animamos á xente a que se faga socia.