Os problemas e os enfrontamentos entre socios e dirixentes das confrarías son bastante habituais en Galicia. A directiva de Agamar acode con frecuencia para mediar e buscar solucións entre as partes.
-¿Por que hai tantos problemas entre os directivos e os produtores?
-Hai algún dirixente que está amarrado no pasado. Pensa que pode facer o que quere pero non se da conta que os socios son o patrimonio máis importante que teñen as confrarías. Se o maltratas, estás maltratando o patrimonio. Pero algún é inconsciente do que fai.
-¿Segue habendo persecucións por parte dalgún dirixente aos socios?
-Algo aínda queda. Son situacións lamentables nas que algún patrón maior non sabe onde se mete. Temos visto cousas sangrantes e algunha xa acabou no xulgado.
-¿Que iniciativas teñen en Agamar para mellorar o futuro da pesca?
-Ademais de resolver os problemas e os conflitos, tamén nos preocupamos por ter ao sector informado e preparado. Preocupámonos para que a xente se especialice e se aplique. Organizamos todo tipo de cursiños para que os socios estean mellor preparados.